post

Navantia experimenta cos traballadores

Este o título do artigo principal da «Folla da CGT» de Navantia, que xa chegou ao número 19.

Nesta ocasión, a publicación trata do protocolo establecido para a reanudación da actividade, protocolo rexeitado pola CGT. Tamén se comenta o mentirán comunicado de CCOO ao respecto. Inclúese unha reflexión sobre a recuperación das horas desde o día 14, un comentario sobre a actitude de Franco con respecto ao persoal da UTE do mantemento e un chamamento a loitar contra os ERTES.

Pódese descargar ou ler a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Reactivación de Navantia: razóns económicas, non sanitarias

Se houbese que utilizar unha soa palabra para definir a situación da pandemia sería INCERTEZA. Hai demasiadas cousas que non están claras, hai demasiadas cousas que non se saben.

Hai persoas infectadas que non presentan síntomas; non se sabe se a superación da doenza deixa inmunizado ou non, nin canto tempo dura esa posible inmunidade; hai problemas co material de protección, tanto de cantidade (falta de material) como de calidade (material defectuoso, como as máscaras que se tiveron que retirar estes días e que estaban sendo usadas incluso nas ucis)…

¿Como se vai controlar a entrada nos centros de traballo de posibles infectados asintomáticos? ¿É ético consumir epis para fabricar coches ou barcos cando os traballadores e traballadoras dos sectores que si son esenciais denuncian acotío a falta de medios de protección?

A reanudación das actividades económicas non esenciais non responde a criterios sanitarios. De feito, os expertos médicos opinan que é precipitada, que o é, como demostra que sigamos en estado de alarma.

Por tanto, A CGT SEGUE OPOà‘ÉNDOSE Á REANUDACIÓN DA ACTIVIDADE EN NAVANTIA, CON PROTOCOLO OU SEN PROTOCOLO. Non é unha cuestión de cubrir expediente, senón de que na actual situación sanitaria da sociedade entendemos que todo actividade económica non esencial implica un risco inxustificado de propagación do coronavirus, por moitos protocolos que haxa ou por moi perfectas que sexan as medidas que conteñan. ¿Por que implica tal risco? Porque unha cousa son os protocolos e outra a realidade.

1) Tanto na IA como na principal xa houbo casos de indicacións para que se reutilicen as máscaras dun día para outro, a pesar de que as prescricións de uso din que deben desbotarse ó remate de cada xornada laboral.

2) O xoves coñeceuse que estaba infectada a muller dun traballador de compañías que estaba traballando en Navantia-Ferrol, o que o cataloga como posible contaxiado. Cantos máis traballadores haxa na factoría, máis probabilidades haberá de que un infectado asintomático ou un infectado ó que aínda non lle apareceron os síntomas contaxie a outra persoa.

3) Tamén o xoves, atopouse a catro traballadores dunha compañía metidos sen epis nun espazo diminuto que violaba tódalas normas de separación física entre persoas.

E isto antes de que empece a recuperarse en serio a actividade. ¿Están os traballadores da IA en condicións de negarse a traballar, de esixir epis, etcétera? ¿Que garantías teñen de que non van sufrir represalias laborais se non fan o que quere a súa empresa? Ningunha.

A reanudación das actividades económicas nonesenciais responde ás presións da CEOE. O ano pasado, as empresas do Estado español tiveron uns beneficios de medio billón de euros. Isto significa que gañaron case 1.370 millóns de euros diarios. Por iso queren que se reanude a actividade xa. Todo o demais non lles importa.

Os beneficios son o único que lles preocupa ós empresarios, incluídos os da Industria Auxiliar de Ferrolterra, como deixa claro o seu patético comunicado de onte, no que afirman que están preocupados por se esta situación lles obriga a facer fronte a sancións. ¡Teñen unha cara que a pisan!

Se lles impoñen sancións, será porque violan a lei. E quen viola a lei comete un delicto, ou sexa, é un delincuente. ¿E os delincuentes non deben ser sancionados? ¿Ou iso só é cando un morto de fame rouba unha galiña?

É máis, os empresarios que violan os dereitos dos seus traballadores/as non só deberían ser multados, senón que se lles debería prohibir a actividade empresarial, igual que a un cargo público condenado por corrupción se lle pode prohibir presentarse ás eleccións.

Outra cousa que esta pandemia está poñendo de manifesto é a completa falsidade do discurso ideolóxico sobre a maior eficiencia da xestión privada sobre a xestión pública, como se ve nas residencias da 3ª idade ou nos hospitais privados: cando se trata de poñer a man para que a Administración lles solte subvencións, son os primeiros; cando aparecen problemas serios, piden que o Estado se faga cargo dos seus establecementos, que eles están para gañar cartos, non para gastalos.

Algúns presentan os empresarios como imprescindibles e os "benefactores" da sociedade polos postos de traballo que "crean" e as doazóns caritativas que fan. Pero se crean emprego é porque lles convén; en canto deixa de convirlles, todo o mundo á rúa. E esas doazóns non compensan non de lonxe os impostos que deixan de pagar e, en calquera caso, son unha esmola porque representan unha parte insignificante dos seus beneficios anuais de 500.000 millóns.

Os empresarios son prescindibles. Os imprescindibles somos a clase traballadora, como tamén está a poñer de manifesto a pandemia: persoal sanitario (non só médicos e enfermeiros, tamén celadores, cociñeiras, limpadoras…), persoal da recollida de lixo, caixeiras de supermercados…, persoas que realizan un traballo de valor incalculable, pero que na gran maioría dos casos teñen un contrato precario e un salario de miseria que non chega nin ós 1.000 € mensuais.

E mentres, os empresarios que xestionan eses servizos —que onte eran públicos e hoxe son privados por decisión do PP ou do PSOE— facéndose de ouro a costa do sangue, o suor e as bágoas alleas.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Nº 18 da Folla da CGT en Navantia

Xa saíu o número 18 da publicación confederal de Navantia de Ferrol. nesta ocasión, ten os seguintes contidos:

A ratificación da posición da CGT de que non se debe retomar a actividade en Navantia -cunhamención á Sección Sindical da CGT no Chuac- , unha crítica ao oscurantismo informativo dos órganos de representación dxs traballadorxs, a cuestión da recuperación das horas do mal chamado «permiso retributivo recuperable», unha información sobre os novos ingresos e as horas sindicais gastadas polos representantes da CGT no mes de abril.

Quen teña interés pode ler ou descargar a «Folla» picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: que o permiso o paguen as empresas!

O domingo, o goberno aprobou o decreto 10/2020, que establece un permiso retribuído recuperable até o 9 de abril. A paralización de máis actividades económicas era necesaria para loitar contra o coronavirus. Pero que o permiso sexa recuperable e que o decreto estabeleza que as empresas decidirán como recuperalo se non hai acordo coa representación legal dos traballadores/as significa descargar sobre as costas da clase obreira os custos desta crise e favorecer os abusos patronais. Ós bancos non se lles reclaman os 60.000 millóns de euros que deben do rescate bancario, pero ós traballadores si se nos reclaman os días do confinamento.

A situación da pandemia ten moito que ver cos recortes que, especialmente desde 2008, se realizan na sanidade pública. Eses recortes son o resultado da presión do gran capital a favor da privatización da sanidade, das pensións, do ensino e tamén das empresas públicas. ¿Ou que representa o modelo de subcontratación masiva de Navantia se non unha privatización encuberta? De feito, grandes capitalistas como Florentino Pérez parasitan Navantia a través de Maessa (filial de ACS), mentres con CLECE (que se encarga da limpeza de moitísimos hospitais e centros sanitarios) parasita a sanidade pública. Non é o único. Outros grandes empresarios como José Manuel Entrecanales (Acciona) tamén ten no público unha fonte de enriquecemento.

Polo tanto, os beneficios amasados por Florentino Pérez, por José Manuel Entrecanales, polas empresas do metal da provincia da Coruña (que levan anos forrándose a costa da explotación de milleiros de traballadores) teñen que servir agora para pagar o custe de todo isto. ¡Os traballadores non temos ningunha culpa! Todo o contrario: somos as vítimas desta situación, asumindo o confinamento nuns poucos metros cadrados ó coidado de nenos e vellos, vivindo na incerteza e soportando un estrés que os ricos que dispoñen de segundas residencias, de sanidade privada ou de chalés de luxo con finca de moitos ferrados non sofren. ¿Pasan igual o confinamento Florentino Pérez ou Susana de Sarriá cós traballadores e traballadoras de Navantia, especialmente os das empresas auxiliares, moitas das cales aproveitaron para despedir ou para presentar ERTEs e que así o Estado (ou sexa, os asalariados, que somos os únicos que pagamos impostos neste país) lles financiemos o 70% dos salarios? Moita leria sobre que os traballadores son o principal activo das empresas, blablablá, blablablá, blablablá, pero o único que lles importa son os seus beneficios.

Respecto á principal, empresa e comité intercentros chegaron onte a un acordo que demostra a fusión que hai entre ambos porque o acrodo pasa a factura dos pratos rotos ós traballadores, como moitos xa se cheiraban vistos os precedentes (convenio único, etc.). Para a CGT, ese acordo é inadmisible desde un punto de vista de clase.

¡Os traballadores non andamos por aí de paseo, estamos confinados! E non se sabe por canto tempo. ¿E se despois do 9 de abril isto se prolonga? ¿E se as medidas de illamento (e, por tanto, de suspensión da actividade produtiva) se teñen que repetir de forma periódica durante un tempo indefinido, como apuntan moitos científicos? ¿Que vai facer o intercentros? ¿Asinar que lle debemos á empresa unha semana máis, quince días máis, un mes máis…? Isto non é defender os intereses dos traballadores/as. E que non aleguen que estaban obrigados polo decreto porque non é verdade.

Cando voltemos ó choio será o momento de abordar un debate para elaborar un plan de loita que teña como obxectivo obrigar ás empresas a facerse cargo dos custes de toda esta situación. ¡Que a crise a paguen os capitalistas!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: non aceptemos máis sacrificios!

Este é o título do número 15 da Folla da CGT en Navantia Ferrol que, no seu artigo principal, rexeita quetodos os sacrifizos sexan por parte d@s traballador@s.

Informa tamén da actividade do Comité de Emerxencia, comenta a esencia do capitalismo, a cuestión do persoal de Prosegur e o informe da utilización das horas sindicais.

Xa xabedes, podedes abrir ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

A Industria Auxiliar de Navantia xa empezou a despedir e a aplicar ERTES

Saíu o número 14 da Folla da CGT en Navantia. Neste número salientan a actitude da Industria Auxiliar co tema do coronavirus, que se trata tamén na folla. Infórmase das reunións do Comité de Emerxencia e tamén do aprazamento do ERTE en Inditex.

Quen teña interés pode ler ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

O coronavirus na Folla da CGT de Navantia

Ven de saír o número 13 da Folla da CGT da Sección Sindical Unitaria de navantia, como sempre pegada á actualidade laboral e ós dereitos da clase obreira. neste número fálase do coronavirus e o capitalismo, da creación dun Comité de Emerxencia, do teletraballo, unha estatítica de presenza nas instalacións, a esixencia de que o material sanitario que teña a empresa sexa prioritariamente para os traballadores sanitarios, a careta de Amancio Ortega e unha guía de acción para @s traballdor@s.

Pódese ver ou descargar a folla picando na ligazón de embaiso.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Navantia] Coronavirus: o primeiro é a saúde

O coronavirus foi declarado pola OMS como pandemia. Ante esta situación, a pasividade non é unha opción: ATRASAR AS MEDIDAS DE CONTENCIÓN COMPLICARÁ MÁIS O PROBLEMA.

En primeiro lugar, necesítase información clara e precisa por parte de Navantia. Neste senso, hai que esixirlle que haxa participación sindical no Comité de Emerxencia que coordina as actuacións.

Ademais hai outros problemas. A Xunta anunciou onte a suspensión de toda a actividade docente a partir do vindeiro luns, o que plantexa o problema do coidado dos menores. Ante esta mesma medida en Madrid, a empresa dixo que os traballadores con fillos menores poderán dispoñer do tempo necesario para o seu coidado mentres as clases estean suspendidas. Aquí debería facer o mesmo.

Pero o problema vai máis aló. Onte á tarde coñeceuse que xa hai oficialmente un caso na nosa comarca. As factorías da ría concentran a varios milleiros de traballadores, moitos en espazos cerrados e de diversas procedencias xeográficas. Por tanto, poden ser un foco de propagación do coronavirus. De feito, tanto en Fene como en Cádiz hai persoas illadas en observación, ambas relacionadas con Reparacións: en Fene, un traballador procedente de Valencia contratado polo armador dun buque; en Cádiz, un militar dunha fragata que estivo en Madrid.

A experiencia de Italia demostra que non tomar medidas a tempo agrava o problema. O goberno recomenda cerrar tódolos centros educativos de todo o Estado español durante 15 días. Moitos concellos están suspendendo numerosas actividades. Os grandes centros de traballo tamén representan un gran risco potencial.

Canto antes se tomen medidas, máis efectivas serán. A única diferenza entre unha factoría de Navantia e un centro de ensino ou unha instalación deportiva é a existencia de intereses económicos. Pero a saúde ten que estar por riba dos cartos. Esta crise demostra que a privatización da sanidade en beneficio de intereses privados é prexudicial para os intereses xerais da poboación.

Neste senso, as empresas e administracións públicas deben dar exemplo e antepoñer a saúde da poboación. NAVANTIA DEBE SUSPENDER AS SÚAS ACTIVIDADES CANTO ANTES DURANTE O TEMPO NECESARIO.

Pero esta medida extraordinaria ante unha situación extraordinaria non pode repercutir negativamente sobre os traballadores, nin da principal nin das compañías. Mentres dure a suspensión, deben garantirse tanto os salarios como os postos de traballo de tódolos traballadores.

Xa antes do coronavirus, a economía daba claras mostras de ralentización. Os empresarios van intentar aproveitar esta crise sanitaria para atacar ós traballadores. A CGT OPOà‘ERASE A CALQUERA ERE COA ESCUSA DO CORONAVIRUS. TODO INTENTO PATRONAL POR SACAR PARTIDO DA SITUACIÓN DEBE SER COMBATIDO COA MÁXIMA CONTUNDENCIA. NIN RECORTES SALARIAIS NIN DESPEDIMENTOS.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Número 12 da Folla de CGT-Navantia

Ven de saír o número 12 da revista da CGT en Navantia. O resumen do contido é o seguinte.

  • Información sobre o desenvolvemento da Asemblea
  • 8 de marzo: día internacional da muller traballadora
  • Información sobre unha sanción de oito días a un enfermeiro de Ferrol desprazado a Fene
  • O soldo da presidenta da nosa empresa
  • Reunión ás agachadas de CCOO con Gonzalo Mateo sobre o futuro de Turbinas
  • Reunión sobre os novos ingresos

Pódese abrir o documento ou descargalo picando nas ligazóns que hai ao pe desta entrada.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol

 

post

A publicación da CGT de Navantia xa vai polo número 11

Publicouse o número 11 da Folla da CGT editada pola Sección Sindical Unitaria de Navantia-Ferrol. O contido é o seguinte:

  • As frivolidades da dirección, condensador de fluzo incluido.
  • Racismo contra traballadorxs da Industria Auxiliar. O «efecto chamada» da noxo.
  • Saqueo na subcontratación. Carga de traballo para a empresa pública.
  • Unha «Alianza» ao servizo de intereses privados.
  • Asembleas parciais positivas.
  • Calendario de mobilizacións.

Como sempre, quen teña interés pode abrir ou descargar a Folla nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol