


Continúa a loita en Atento A Coruña
O Comité da empresa Atento da Coruña, do que forma parte a CGT, convoca paros parciais todos os luns, a partir do día 28, contra os abusos e desprezos da patronal. Os paros son en todas as franxas horarias (de 00:00 a 01:00, de 12:00 a 13:00 e de 18:00 a 19:00). Haberá concentracións ás 12:00 e ás 18:00.
SOLIDARIEDADE NA LOITA!
FAGÁMONOS RESPECTAR!
Comité Local da CGT da Coruña

Ofrenda floral no monolito erixido ás vítimas da Folga Xeral de 1901 na Coruña
O vindeiro domingo, día 27 de maio, ás 12:30 horas, no cemiterio de santo Amaro da Coruña, terá lugar a tradicional ofrenda floral que cada ano ven organizando a CGT da Coruña en lembranza dos obreiros e obreiras asasinados, vítimas da represión, durante a folga xeral (a coñecida como folga dos "consumeros") que tivo lugar na cidade da Coruña os días 30 e 31 de maio e día 1 de xuño de 1901.
A homenaxe terá lugar no monolito que foi levantado polas sociedades obreiras coruñesas e sufragado por subscrición popular no ano 1906.
Ao seu término, farase outra ofrenda ante o conxunto escultórico situado na Avenida de Navarra en lembranza de tódolos represaliados polo franquismo.
Mais información sobre os sucesos de 1901: A folga de 1901, no blog Memoria Libertaria na Galiza

Concentración solidaria co pobo palestino na Coruña
A CGT da Coruña acordou participar na concentración de solidariedade co pobo palestino que terá lugar o venres, 18 de maio, no Obelisco da Coruña, a partir das 20:00 horas.
Para a CGT, as actuacións criminais do Estado de Israel nos últimos días son un paso máis, gravísimo, no proceso de exterminación do pobo palestino e de usurpación dos seus territorios ancestrais. Non menos grave é a complicidade dos países occidentais, que teñen a desvergoña de chamar á contención a «ambas partes», cando só hai unha parte xenocida e merecente de repulsa, que é o Estado sionista de Israel. Neste sentido, esiximos unha resposta contundente do goberno español, só pena de consideralo cómplice activo da masacre.
A CGT da Coruña fai un chamamento á súa afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral a que amosen a súa oposición a esta nova matanza do pobo palestino, do que amosámonos solidarios na opresión que padecen.
Comité Local da CGT da Coruña

A CGT convoca paros en Atento o próximo 7 de maio
Sección Sindical de CGT Atento-A Coruña

Concentración en defensa das pensións públicas, o día 5 no Obelisco
A CGT da Coruña acordou apoiar a concentración que Modepen (Movemento en Defensa das Pensións Públicas) fará o próximo sábado, 5 de maio, ás 12:00 horas no Obelisco da Coruña.
Para a CGT, o sostemento con dignidade das persoas que contribuiron ao benestar xeral é imperativo, polo que é imprescindible un sistema público de pensións públicas, solidario, e que garanta unhas pensións cuns importes permitan levar unha vida digna.
Por iso, polas pensións de hoxe e de mañá, acude á movilización que se convoca.
Comité Local da CGT da Coruña

Crónica do Primeiro de Maio na Coruña
Pasadas as 12:30 saía a manifestación convocada pola CGT, a CUT, o Sindicato da Elevación e diversos colectivos sociais para rememorar o Primeiro de Maio, reafirmar a pertenza á clase obreira e berrar reivindicacións e consignas de hoxendía.
Preto de 1000 persoas percorreron as rúas da Coruña, entre a Praza de Pontevedra e o Campo da Leña, botanto berros contra o capitalismo, a explotación, a represión e as reformas laborais e reivindicando condicións de traballo, salarios, pensións dignas e o fin doo saqueo e desmantelamento dos sevizos públicos esenciais.
No Campo da Leña, no remate da manifestación, leuse un comunicado que se pode ver completo máis abaixo. A continuación deuse micrófono libre nos que os colectivos presentes deron a coñecer as súas reivindicacións.
Rematadas as alocucións, abreuse o tempo para as actuacións musicais (Pandereteir@s da Comuna, el rap de El Cos, Juan Piños, Folkólikos, Praia Desmaio, Feral Booting e outros) e para a degustación dun xantar vegano a precios populares.
Comité Local da CGT da Coruña
MANIFESTO DO PRIMEIRO DE MAIO
Salarios de miseria, condicións de traballo de escravitude, contratos mínimos a tempo parcial, horarios estendidos sen cobrar, convenios incumpridos, formación en seguridade falseada ou inexistente, desemprego sen protección, lexislación que reforza as prerrogativas do patrón… esa é a situación para a meirande parte da clase obreira. Explotación e dor por todas partes, mentres os chamados poderes públicos, cómplices e servís co poder económico, miran cara outro lado ou, o que é peor, dan carta de natureza e lexislan para recortar os poucos dereitos laborais que nos quedan e os converten en simbólicos ou son meras coartadas para seguir afondando na submisión absoluta dos traballadores e traballadoras.
Conscientes de que o pobo non vai aturar esta situación por moito tempo, os poderes políticos xa están prevendo a reacción social a través da súa arma máis poderosa: o medo. Se non é suficiente o medo a perder o traballo, eles aplican a represión selectiva. Así, temos o caso dos 27 de Barcelona, os casos dos rapeiros, os dos titiriteiros, o caso dos sindicalistas de Logroño, o caso dos xoves de Alsasua, o caso do fotógrafo Boro, os casos que supoñen a recuperación dos delitos de blasfemia, os casos disfrazados de delitos de odio, e centos de compañeiras e compañeiros máis que sufriron ou están a sufrir a acción represiva destes gobernantes infames, cómplices do saqueo da riqueza socialmente creada.
Non lles é suficiente estar chuchando durante anos das ubres do Estado, senón que aplican unha política de saqueo permanente da riqueza común, colaborando co capitalismo máis voraz en canto este ve perigar os seus petos: primeiro foi o rescate da banca con cartos de todos, que nunca han devolver, agora son unhas autoestradas que nunca fixeron falla e que se rescatan sen rubor porque dan perdas. Non podemos esquecer o permanente deterioro da Seguridade Social, entregada en gran parte aos grandes grupos sanitarios privados, nin o sistema público de pensións, intentando convencer ao pobo de que os plans de pensións privados son a solución para uns recortes que son froito de decisións políticas xestadas nos despachos dos poderosos. O mesmo podemos dicir do ensino público, que se deixa podrecer mentres se subvenciona con partidas millonarias aos centros de ensino privado.
Ante todo este cúmulo de canalladas, a clase obreira non ten máis que unha solución: o enfrontamento directo coa situación e con aqueles que a están provocando. A explotación, a dor que se espalla nos nosos fogares, a iniquidade, debe ser combatida nunha mobilización permanente que reverta a situación actual. Non é tempo de covardías nin son horas de quedarse agardando a que outros nos veñan a solucionar os nosos problemas. A loita é o único camiño. Eles o queren, que así sexa.
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA!

Primeiro de Maio na Coruña
A CGT, xunto cos sindicatos CUT e o Sindicato da Elevación convocan manifestación na Coruña o próximo 1º de Maio, Día Internacional do Traballo. A manifestación terá a súa saída da Praza de Pontevedra ás 12:30 horas e terá o apio de diversas organizacións sociais da cidade.
A manifestación terá o lema "Contra a explotación, a represión e o saqueo: a loita é o único camiño", e con el os convocantes queremos facer un chamamento de mobilización contra a situación que o pobo traballador está a padecer no momento actual: as reformas laborais castradoras de dereitos, a represión da disidencia e o proceso privatizador e saqueador do público, como a Seguridade Social e o Sistema Público de Pensións.
CUT, CGT e SE fan un chamamento ás súas afiliacións, simpatizantes e cidadanía en xeral a que se manifesten amosando o seu rexeitamento da situación e a reivindicación de que hai que revertila para conseguir unha vida merecente de ser vivida.
O Comité Local da CGT

A CGT da Coruña apoia a Marcha do Persoal Precario das Administracións
A CGT da Coruña acordou prestar o seu apoio á Marcha do Persoal Precario da Administración Pública, que terá saírá o próximo venres, día 16 de marzo, ás 10:00 horas, do Parlamento de Galicia.
Para a CGT a defensa dos servizos públicos de calidade é un das súas prioridades sindicais; e para que estes servizos públicos non se vexan paulatinamente deteriorados é imprescindible un emprego público estable e de calidade. O persoal que atende agora mesmo estes servizos é, en gran parte, temporal e cunhas condicións de traballo, sen expectativas de consolidación, lamentables. Por iso, a CGT considera que as reivindicacións deste persoal son xustas.
Por iso, a CGT da Coruña convoca a que a súa afiliación, simpatizantes e pobo traballador participe nesta mobilización e se solidarice con estes colectivos maltratados pola Administración.
Comité da CGT da Coruña

A CGT da Coruña apoia a concentración polas pensións do día 17
A CGT da Coruña acordou manifestar o seu apoio á concentración convocada para o próximo sábado, día 17, ás 12:00 horas, no Obelisco da Coruña, en defensa do sistema público de pensións.
O sistema de pensións ven sendo saqueado polas elites políticas e económicas do país a través das últimas reformas que foron, a do PSOE que retrasou a idade de xubilación, e a do PP que modificou o sistema de cálculo da revalorización, deixándoo nun miserento 0,25% anual. Ao mesmo tempo, os poderes políticos e financeiros promocionan os sistemas privados de pensións metendo medo aos traballadores e intentando convencelos de que o sistema actual non é sostible.
Para a CGT, o mantemento dun sistema xusto, solidario e público cunhas pensións suficientes para levar unha vida digna é posible sen ningunha dificultade. Cando se pode rescatar á banca, cando se lle rebaixan as cotizacións ás empresas, cando se recortan os impostos aos poderosos, cando se saquea a caixa de reservas da Seguridade Social, en realidade o que están facendo é eliminar a financiación do sistema de pensións e fomentar o sistema privado, inxusto, insolidario e de solvencia dubidosa.
Por isto, a CGT da Coruña convoca á súa afiliación, simpatizantes e poboación traballadora en xeral para que apoien esta convocatoria. Por que é xusto e impresdindible.
Comité Local da CGT da Coruña