post

 

A CGT Correos de Galicia denuncia o caos creado pola posta en marcha das novas bolsas de contratación en Correos.

Correos abriu as bolsas no mes de Outubro pero non as puxo en marcha até o 1 de xuño, o que fixo que coincidira a entrada de numeroso persoal sen formación e sen experiencia previa coas vacacións do persoal habitual, o que, unido à  falta de contratación por mor dos recortes, fai que as incidencias sexan numerosas.

Desde a CGT queremos denunciar as numerosas incidencias creadas no reparto postal durante este periodo estival.

Estamos a recibir numerosas queixas desde unidades de todo o territorio Galego desde o persoal que non son quen de repartir diariamente a correspondencia recibida, o que afecta negativamente ao dereito da cidadanía de recibir o correo diariamente.

O persoal, por medio dos/as seus/súas representantes sindicais fai responsable disto á falta de previsión da dirección.

A CGT indica que as problemáticas veñen dadas por dous motivos:

Por unha banda no mes de outubro de 2017 Correos convocou un proceso para crear unhas bolsas de contratación eventual. Ese proceso, moi criticado pola CGT polo seu retraso e polas súas irregularidades, deixou fora a centos de persoas que contaban cunha grande experiencia no traballo postal, valorando os méritos das devanditas bolsas dunha maneira totalmente cuestionable como, por exemplo, igualando a puntuaciuó dun cursos de "excel" de unhas horas a varios anos de experiencia no reparto.

Este feito fixo que numerosas persoas con experiencia quedaran sen a posibilidade de acceso ao traballo postal.

Por outra banda encontrámonos coa falta de contratación de Correos, que pretende levar a cabo o servizo -nos meses estivais- cun número de persoal a todas luces insuficiente que ronda o 40% menos do plantel oficial habitual. Correos indica, ademais, ao persoal de reparto que leven a maoriores outras zonas non habituais, o que chamamos "recargo", feito que dificulta e entorpece o traballo e fai que sexa frecuente que queden zonas sen repartir.

A CGT quere denunciar publicamente que estes feitos levan inexorablemente a unha diminución intolerable da calidade no servizo postal, e esixen a Correos:

  • A substitución inmediata de todas as persoas que se encontran de vacacións
  • A ampliación das bolsas de contratación, recuperando a todas as persoas con experiencia no traballo postal

Todo o anterior baseado na querencia do noso sindicato CGT de velar polo estricto cumprimento do dereito a ter un servizo postal público de calidade.

CGT de Correos Galicia

Comparte esta entrada ...