Agora, tal como aconteceu o ano pasado e viña sucedendo en todos os anteriores, os incendios forestais carbonizan decenas de miles de hectáreas de bosque galego. Decenas de montes están ardendo. Miles xa arderan, nos derradeiros 20 anos, a unha media de 25.000 hectáreas anuais.
Desde que o capitalismo máis voraz se fixo dono do monte galego, coincidindo coa instalación de consorcios madeireiros e taboleiros en distintos lugares de Galicia, fixéronse desaparecer do noso bosque as súas árbores propias para ser substituídos masivamente por outras especies máis "rendibles", sobre todo eucalipto e piñeiro.
Claro está que esta "rendibilidade", sen outra consideración social que a simplemente crematística a curto prazo e brutalmente capitalista en favor de moi concretos grupos e intereses privados, en realidade remata sendo ruinosa para Galicia e para todos os galegos e galegas. Pois esixe desprezar a riqueza natural do bosque autóctono, rematar co patrimonio forestal natural, degradar o entorno, desertizar o rural, acabar coa diversidade biolóxica, reducir o chan fértil a unha capa cada ano máis estreita …. e, con todo iso, construír unha inmensa pira inflamable, á espera do chispazo que desencadee en cada ocasión o gran incendio.
Xa que houbo un tempo en que Galicia posuía un vasto, fermoso e fértil bosque atlántico, as masas forestais que agora se queiman pertencen a un bosque ao que previamente se degradou e empobreceu, ata o punto de transformalo nesta inmensa pira, que hoxe contemplamos con desesperación.
O que nestes últimos anos transforma cada chispa orixinal, intencionada ou non, nun devastador incendio, non é só, nin principalmente, a vontade do incendiario ou do pirómano, que tamén, senón os intereses económicos -e políticos que lles serven- que veñen reducindo o patrimonio natural galego á penosa situación actual. Sen dúbida, localizar aos pirómanos e incendiarios e extinguir os lumes activos é nestes momentos o urxente. Mais desenmascarar de inmediato aos delincuentes que fabrican cada día e dende os despachos oficiais a desgraza actual, é o preciso. As masas forestais que agora se queiman pertencen a un bosque ao que previamente se tiña degradado e empobrecido, converténdoo nunha enorme fogueira presta a inflamarse con calquera chispa.
Estamos cansos de ver como se destrúe repetidamente o noso país, en aras dos intereses do Capital e dos grupos políticos que servilmente se lles someten. Estamos fartas de tanta marea negra e de tanta cinza gris. Estamos cansos de tanto petróleo e de tanto eucalipto. De tanto Prestige e tanto Ence. De tanto capitalismo e tanto Estado, ambos perfectamente inútiles para organizar con xustiza a vida social.
Só haberá un xeito eficaz de atallar os incendios que asolan Galicia dende fai décadas. En primeiro lugar e antes que nada, afanándose por controlar e apagar os hoxe activos. Máis enseguida e sen pausa, denunciando a complicidade dos sucesivos gobernos galegos -dos anteriores e do actual- con aqueles intereses industriais e financeiros que en definitiva lles ditan a funesta política forestal que han aplicar.
Do mesmo modo que defendemos e esiximos unha sanidade e ensino públicos, tamén esiximos que o recoñecemento da propiedade privada dos montes implique, antes que ningunha outra cousa, que a súa explotación se faga en condicións tais que respecten a súa utilidade social, garantan un medio ambiente san e aseguren o gozo común do patrimonio colectivo.
CGT de Galicia