Este luns, 21 de xaneiro, a CGT Pontevedra-Arousa enviou ao Conselleiro de Economía e Industria un escrito-denuncia do que califica como inaceptable e servil comportamento dos altos cargos da Xunta de Galicia, respecto de Alfageme. Faltan dous días para que remate a subasta xudicial de algún bens de Alfageme asociados ás fábricas de Vilaxoán e Ribadumia. Todo indica que o Conselleiro vai, finalmente, asinar a destrucción do tecido industrial conserveiro na Arousa e a violenta agresión a 150 traballadoras ás que se lle rouba o posto de traballo polo que levan pelexando dende fai cinco anos. Reproducimos o escrito enviado:
Sr. Conselleiro de Economía e Industria. Xunta de Galicia:
Miguel Ángel Cuña, en calidade de Secretario xeral de CGT Pontevedra – Arousa, pola presente comunícalle:
Como vostede sabe, o martes pasado, 15 de xaneiro, unha delegación de traballadoras da empresa Bernardo Alfageme en Vilaxoán (Vilagarcía) e da CGT, eu mesmo entre eles, comparecemos na sede central da Consellería de Economía e Industria, en San Caetano (Santiago), ante o seu despacho, para facerlle entrega, directa e persoalmente, dun escrito e reiterarlle a solicitude dunha entrevista urxente, solcitude que viñamos realizando cada día, aínda que con nulo éxito, dende a última semana de decembro.
Foi entón cando persoal do seu gabinete nos informou que vostede non nos podería atender persoalmente- dado o apertado da súa axenda esa mañá – pero que procedía a comunicar ao Director Xeral do IGAPE a nosa reclamación, co fin de que éste nos recibise. A devandita comunicación ao IGAPE realizouse efectivamente nese mesmo momento, como nos consta ao ser testemuñas diso.
Non obstante, o atento e responsable comportamento de vostede non foi seguido polo Director Xeral do IGAPE, pois non só non nos recibiu ese día, senón que tampouco o fixo nos días seguintes. E nesa intolerable decisión mantívose e se mantén ata hoxe, 21 de xaneiro de 2013, en que nin nos convoca nin se digna contestar ás insistentes solicitudes que as traballadoras e a CGT lle facemos chegar. É dicir, o Director xeral do IGAPE continúa ignorando a comunicación que vostede lle dirixira seis días antes. Desexamos pensar que o fai contra a vontade do Conselleiro e que non se trata dunha mera repartición de papeis para eludir unha entrevista incómoda.
Faltan pois dous días para que remate o prazo fixado da poxa xudicial dos bens de referencia de Bernardo Alfageme, sen que os traballadores, nin a sociedade de Arousa, saibamos con certeza qué fará a Xunta coa parte das dúas fábricas das que se fixo responsable o 20 de decembro de 2012, ademais de coa marca Miau. Con grave fundamento, temémonos o peor, isto é:
Que vostede, recén nomeado Conselleiro de Economía e Industria no goberno galego, sexa quen finalmente se faga responsable, asuma e leve a cabo a máis grave destrución do tecido industrial conserveiro na bisbarra de Arousa, a ruína das importantes fábricas de Alfageme en Vilaxoán e Ribadumia e condene ao paro e a miseria a cento cincuenta persoas, a maioría delas mulleres de idades, cualificación e circunstancias familiares e sociais que lles dificultan extraordinariamente que na actualidade poidan encontrar un novo posto de traballo.
E todo iso, por razóns nunca aclaradas e, con absoluta seguridade, polo menos a xuízo deste sindicato, para favorecer intereses espurios, cos que vostede parece estar a punto de confluír e en disposición de garantir o seu éxito. En fin, trátase da culminación da xigantesca fraude social iniciada hai cinco anos, cando unha empresa inmobiliaria, Promalar, co apoio político e financeiro da Xunta de Galicia (e tamén coa tenaz resistencia das traballadoras de Arousa, en defensa dos seus postos de traballo e dos seus dereitos), adquiriu Bernardo Alfageme co inadmisible obxectivo, finalmente fracasado, de destinar os soares de parte das fábricas, tras o peche dos catro centros de traballo de Vigo, Vilaxoán, Ribadumia e O Grove, á especulación urbanística e ao ladrillo.
Tal e como vostede xa sabe, a CGT, no mes de novembro de 2012, puxo en coñecemento e para consulta do Fiscal Xefe de Pontevedra e do Fiscal Superior de Galicia, un escrito no que, entre outras cuestións, se expoñía á súa consideración o comportamento da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia dende xullo de 2012, no que a Consellería aboara á Banca privada os máis de 30 millóns de euros dos ‘avais’ de 2007 e seguintes, conseguindo facerse coa responsabilidade de parte das fábricas de Vilaxoán, Ribadumia e da marca Miau.
No devandito escrito, expoñíase, textualmente: «A xuízo da CGT, este proceder do Goberno galego, executado a través da Consellería de Economía e do IGAPE, é presumiblemente delictivo e responsable dun dano doloso de enorme envergadura económica e social, a centos de familias e a toda unha bisbarra, así como tamén ao erario público (que debe afrontar, entre outras cousas, as prestacións e dereitos de 150 traballadores e traballadoras aos que se lles arrebata o seu posto de traballo).
Con todo, abriuse unha porta á esperanza (e a CGT, a espera dunha rectificación, paralizou a denuncia á Fiscalía Anticorrupción) cando o IGAPE -contra o que viña afirmando ata o último día- decidiu participar na poxa xudicial do día 20 de decembro, responsabilizándose con iso do destino de parte das fábricas de Ribadumia e Vilaxoán e poder dedicalas ao único fin lexítimo: un proxecto industrial conserveiro que garantise tanto a reanudación da actividade conserveira nas dúas fábricas, coma a devolución do posto de traballo ao persoal de Alfageme en Arousa, que lle viña sendo fraudulentamente arrebatado ao longo destes dous últimos anos.
Agora, o silencio da Consellería e do Director xeral do IGAPE parecen anunciar que aquela porta aberta o día 20 de decembro, volverá pecharse un mes despois, pero agora probablemente de xeito definitivo (tantas son as presións dos que se repartiron o mercado de Alfageme?).
Nestas circunstancias apenas ten importancia que vostede ou o Director xeral do IGAPE nos reciban ou non, hoxe ou mañá. Apenas queda tempo para as promesas, sobre todo, se deseguido van ser incumplidas.
Só desexamos estar equivocados e que a fraude non triunfe. Que vostede impoña aos responsables da súa Consellería que se dirixan de inmediato ao Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, e aos administradores concursais, e poida culminar a poxa xudicial coa adxudicación das fábricas a un proxecto empresarial que garanta a continuidade da actividade industrial conserveira nas dúas fábricas e respecte os dereitos do persoal de Alfageme en Arousa. Ninguén, absolutamente ninguén, tampouco a Xunta e moito menos os traballadores e traballadoras, ignora que ese proxecto empresarial existe e obra documentalmente en todo o procedemento concursal e na propia Consellería de Economía e Industria e no IGAPE.
Atentamente, en Pontevedra a 21 de xaneiro de 2013
Miguel Ángel Cuña Casasbellas, Secretario xeral CGT de Pontevedra – Arousa