CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/alfageme-a-loita-continua/
Export date: Mon Dec 23 23:06:28 2024 / +0000 GMT

Alfageme: a loita continúa


Coincidindo cunha vista xudicial no Xulgado do Mercantil nº 3 de Vigo, anunciada para mañán, 2 de novembro, ás 9,30h, á que están citados os principais axentes do Concurso de acreedores de Alfageme - Xuíz, administración concursal, propietarios de Alfageme, entidades bancarias acreedoras e Xunta de Galicia -, pero non os traballadores da conserveira, a CGT de Arousa ten convocado unha concentración na explanada dos xulgados da rúa Lalín en Vigo, o mesmo día e hora que os responsables, directos ou indirectos, desta desfeita se reunirán nun despacho, uns poucos metros por enriba. Reproducimos o escrito que a CGT vai repartir na concentración.

UNHA XUSTIZA TARDÍA E LENTA,
NON SÓ NON É XUSTIZA SENÓN QUE PERPETÚA A INXUSTIZA



ALFAGEME, SOLUCIÓN XA!

A historia dos cinco últimos anos na empresa Alfageme é tanto a historia dunha monumental fraude social, coma a da loita incansable das traballadoras de Arousa e da CGT en defensa dos seus postos de traballo e da continuidade da actividade industrial conserveira na bisbarra.

A fraude foi urdida polos últimos propietarios de Alfageme, a inmobiliaria Promalar, que pretendía pechar as catro factorías da conserveira (Vigo, O Grove, Ribadumia e Vilaxoán) para facerse cos extensos terreos das fábricas, sinaladamente cos de Vigo, e, unha vez despoxados de toda actividade industrial, destinalos á construción masiva de pisos. A esta fraude social prestou o seu apoio político e económico a Xunta de Galicia e deseguida colaboraron con el múltiples actores, cada un tratando de sacar a súa peculiar tallada nun negocio de decenas de millóns de euros.

Malia todo o sufrido e grazas á intensa mobilización levada a cabo, en abril deste ano, a CGT e as traballadoras de Arousa chegamos a confiar en que por fin e en breve prazo poderiamos descansar na nosa loita e volver ao traballo. A finais dese mes remataba a fase de Convenio do Concurso de Acredores de Alfageme e, polo tanto, comezaría de inmediato a fase de Liquidación. Ao mesmo tempo, dábase a coñecer o interese do grupo conserveiro Consorcio, por adquirir Alfageme para reiniciar a actividade conserveira nas fábricas de Vilaxoán e Ribadumia, incorporando o cadro de persoal ao completo e respectando todos os seus dereitos laborais: modalidade de contrato, antigà¼idade, categorías.

Foi a CGT quen, despois dunha enérxica movilización e contra do pactado pola Consellería de Economía da Xunta, CIG e CC OO, logrou este acordo co grupo Consorcio para que aceptase incluir no seu proxecto a toda a plantilla de Alfageme, con todos os seus dereitos. Dito acordo -ó que máis tarde, se sumaron CIG e COO- incorporouse, por presión da CGT, á documentación xudicial do Concurso de Acreedores, baixo a fórmula de condicións mínimas que tería que contemplar calquera oferta que quixera intentar a compra de Alfageme.

Non obstante, todo se frustrou no último momento do modo máis 'insospeitado'. A Administración Concursal, que debía presentar a principios de maio ante o Xulgado do Mercantil o Plan de Liquidación de Alfageme, introduciu sorpresivamente no devandito Plan de Liquidación unha cláusula (a 'firmeza' do auto que o aprobara, como condición previa para o seu inicio), cuxo cumprimento estrito, impide que a devandita Liquidación e, no seu caso, a compra polo Consorcio poida realizarse. Non menos sorpresivamente, o Xulgado do Mercantil resolveu o 24 de maio aprobar en "todos os seus termos" a proposta dos seus administradores concursais.

Este foi o asombroso procedemento grazas ao cal se concedeu aos recursos que está a interpoñer a familia Lago contra as decisións do Xulgado do Mercantil, a potestade de paralizar a Liquidación do que aínda é, formalmente, seu.

E nesas estamos dende maio e ata hoxe. A familia Lago interpoñendo recurso tras recurso, os administradores concursais e os xuíces sen présa nin angustia, as entidades bancarias como o voitre grallando para que morra canto antes a vítima, as traballadoras na rúa, a gran maioría delas xa rematada ou a punto de rematar a prestación por desemprego, as fábricas podrecéndose, o grupo o Consorcio valorando a posibilidade de abandonar o proxecto, as antigas e prestixiosas marcas de Alfageme perdendo todo o seu valor, etc.

Nestas circunstancias, a CGT, esixe á Xunta (avalista económico e político e, en consecuencia, tamén responsable de todo este desastre) e require ás administracións concursal e xudicial, do Xulgado Mercantil e da Audiencia Provincial e ás entidades financeiras implicadas, que se proceda coa máxima urxencia á fase de liquidación do concurso de acredores de Alfageme.

Para a CGT é inaceptable que se conceda aos recursos que está a interpoñer a familia Lago, seguramente en fraude e abuso de lei, a potestade de paralizar, boicotear e dilatar durante meses ou anos, ata o facer imposible, o reinicio da actividade conserveira en Arousa.

Unha xustiza tardía e discrecionalmente lenta, non só non é xustiza senón que, en moitos casos, como o actual, impide a solución dos problemas, polo que A CGT pide ao Xulgado do Mercantil n.º 3 de Vigo e á Audiencia Provincial de Pontevedra, con absoluto respecto á independencia xudicial, que actúe coa celeridade necesaria e impida que, en nome de non sabemos qué, se vulneren os dereitos de centos de persoas ao traballo e a unha vida digna.

Pola continuidade da actividade industrial en Alfageme e a defensa dos postos de traballo!
Contra o paro, a precariedade e a exclusión social!
Pola dignidade da clase traballadora fronte á especulación!

Alfageme, solución xa!

CGT- Arousa
Post date: 2011-11-01 11:44:59
Post date GMT: 2011-11-01 10:44:59

Post modified date: 2011-11-02 18:51:11
Post modified date GMT: 2011-11-02 17:51:11

Export date: Mon Dec 23 23:06:28 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com