CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/acto-de-ruaconcentracion-contra-o-gasto-militar-en-vigo/
Export date: Fri Oct 25 23:53:23 2024 / +0000 GMT

Acto de rúa/concentración contra o gasto militar en Vigo




A F.L. de Sindicatos de Vigo fai un chamamento a todos/as os/as afiliados/as e simpatizantes a participar no acto de rúa programado polo Espazo Aberto Antimilitar de Vigo o vindeiro sábado 19 de xuño ás 18:00 h na praza da farola de Príncipe.

Coa que está caendo (crise económica e os conseguintes recortes sociais), o Goberno vai empregar (como mínimo) a cantidade de 18.160,89 millóns de euros en gasto militar.

Cantidade que, obviamente, aportamos todas vía impostos; cantidade que NON será dedicada a pensións, ensino, sanidade ou subsidios, por poñer algúns exemplos. Esta inversión continuada, descomunal e disparatada en investigación militar, armamento e en manter un exército cada vez máis expedicionario, non contribúe en absoluto a mellorar a seguridade de ninguén. Antes ben, supón un risco para a existencia da vida, e do mesmo planeta.

Programas coma o HAARP* estadounidense, consistente na manipulación da propia atmosfera para poñela ao servizo da eficiencia militar, poñen en evidencia que este risco non é unha hipótese posíbel nun futuro lonxano, senón que é unha realidade plenamente actual.

Porén, a ameaza que os exércitos representan fáísenos ultimamente palpábel dun xeito moito máis directo, toda vez que a grande máscara que durante os últimos tempos se esforzaron en crear para ocultar a súa verdadeira natureza, vaise desfacendo. Os últimos "erros" cometidos en Afganistán, nos que se bombardeou unha vez máis á poboación civil provocando máis de medio centenar de mortes en menos de vinte días, serviron para lembrarnos que as chamadas "intervencións humanitarias" no estranxeiro non son máis que o que anteriormente denominabamos ocupacións militares, con todo o que iso implica. Pero ademais, os feitos acontecidos en Chile despois dos últimos terremotos, no que o exército foi mobilizado para "controlar" á propia poboación desesperada (ou no caso de Haití encubrindo unha ocupación militar en toda regra), tróuxonos a primeiro plano a outra relevante atribución dos exércitos: a "pacificación" non só no exterior, senón tamén no interior das propias fronteiras, unha vez que os mecanismos habituais de contención son superados.

Por todo isto, e porque rexeitamos a propia existencia dos exércitos e a ideoloxía militarista que os lexitima, declarémonos un ano máis persoas obxectoras fiscais aos gastos militares, por motivos de conciencia e de sentido común. E declaremos as nosas cabezas zonas permanentemente desmilitarizadas.

Espazo Aberto Antimilitar

* Acrónimo de Hight Frequency Active Auroral Research Program, é un programa científico e militar desenvolto e financiado pola Forza Aérea e a Mariña dos Estados Unidos e pola Universidade de Alaska; unha das principais actividades deste programa é a modificación da ionosfera nunha zona limitada da mesma. Segundo unha resolución do Parlamento Europeo de 28 de xaneiro de 1.999, a estación HAARP manipula o medio ambiente con fins militares.
Post date: 2010-06-16 21:17:40
Post date GMT: 2010-06-16 20:17:40

Post modified date: 2010-06-16 21:19:41
Post modified date GMT: 2010-06-16 20:19:41

Export date: Fri Oct 25 23:53:23 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com