Así como o convenio único contou cun rexeitamento total entre a plantilla non afectada pola prexubilación, o plan de empresa creou certas expectativas, xa que significaba a incorporación dun número importante de traballadores/as e a promesa de investimentos na construción dun estaleiro moderno (dique para construción, novos talleres, aplicación dos conceptos da industria 4.0, etc.). ¿Cales son os feitos un ano despois?
Un ano despois, a descomposición de Navantia agudízase perigosamente. A propaganda da empresa di que as novas incorporacións serán a panacea a tódolos problemas. Na nosa opinión, aínda que ditas entradas serán positivas, non influirán sobre o problema de fondo.
- O plan de empresa foi un plan da dirección no que os comités fixeron exactamente cero aportacións (agás no tocante ás condicións da prexubilación) e que non ten en conta os intereses dos traballadores que non se prexubilan.
- ¿Que estamos a ver neste ano? Unha ACELERACIÓN DO PROCESO DE SUBCONTRATACIÓN MASIVA que xa se viña dando, tanto na produción (baleirado dos talleres de Tubeiros e de Chapa Fina, no Elaborado abandonáronse as liñas de previas e paneis e xa só permanecen en mans de Navantia o corte e o figurado) como no deseño. Todo o discurso da empresa sobre actividades core, valor engadido, etc., etc. etc., é pura leria. Trala enxeñaría de detalle, agora estase a subcontratar gran parte da enxeñaría funcional. É dicir, A DIRECCIÓN DE NAVANTIA ESTÁ A SUBCONTRATAR AS TAREFAS DECISIVAS, INCLUÍDAS ALGUNHAS QUE SON CRÍTICAS, RELEGANDO ÓS TRABALLADORES/AS DA PRINCIPAL A TAREFAS SECUNDARIAS E DE XESTIÓN. Como comentou un compañeiro da Sala Técnica: "para Navantia, hoxe en día, un barco se reduce a unha folla Excel".
- O desenvolvemento do plan tamén dá pistas moi claras. Por unha banda, o 75% dos novos ingresos serán persoas con moi pouca ou ningunha experiencia, cando o que Navantia necesita son profesionais. Por outra banda, digan o que digan, o plan non prevé a transferencia de coñecementos entre os traballadores que saen e os que entran. Do contrario, se tería optado por contratos relevo ou pola incorporación dos novos traballadores antes das prexubilacións. A dirección e os sindicatos que lle fan o xogo preferiron facer táboa rasa, deixando perder gran parte do coñecemento acumulado polos traballadores que se prexubilaron.
- ¿En que situación se atopan os investimentos? Segundo comunicou a empresa nunha xuntanza co comité o 23 de xaneiro, en decembro deste ano empezaría a construción dun taller de bloques planos, que non estaría listo até como mínimo xaneiro de 2023, e polo tanto a primeira fragata coa que se faría o corte de chapa sería a F-112. Todo isto supoñendo que se cumpran os prazos. Do novo dique, por agora nada de nada.
- Que sucede cos novos ingresos? Todo o proceso está sendo tremendamente revelador para entender cales son as auténticas intencións da empresa. Por unha banda, estamos asistindo a unha cacicada épica por parte de Navantia, onde os escándalos que se veñen sucedendo non deixan lugar a dúbidas do modelo caciquil que, pola vía dos feitos consumados, aplica a empresa. Por outra banda, queda claro cristalino que o proceso está deseñado para que, na práctica, os traballadores da IA non teñan opcións (reparto 70/30, experiencia máxima de 3 anos nos júnior, esixencia de experiencia e titulación; visto o visto, a ver que sorpresas nos agardan na convocatoria dos sénior). ¿Por que non queren que a IA perda profesionais? Porque o plan é subcontratar toda a produción.
Un plan de empresa pode estar ó servizo de moitos propósitos. Pode estar ó servizo dos traballadores ou ó servizo dos empresarios da IA (e os seus cómplices necesarios dentro de Navantia). O futuro de Navantia non depende dun plan en abstracto, senón dun plan que sirva para fortalecer a empresa pública.
A idea dos que argallaron todo isto é clara: unha empresa pública que asuma os gastos fixos que implica un estaleiro (instalacións, servizos comúns, mantemento…) e que se encargue da xestión comercial, e unha subcontratación masiva do traballo que se consiga. ¿Que non hai carga de traballo? Despídese ós traballadores/as da IA, e os empresarios non teñen gastos porque o propietario do estaleiro é o Estado, que tamén é o que busca novos contratos. ¿Que hai carga de traballo? Aparecen os empresarios e se forran a costa da precariedade e a explotación dos traballadores. ¿Que esa precariedade fai difícil atopar profesionais? Pois veña a choromicar para que o Estado pague a formación, como se esta non fose coas empresas.
Non teño instalacións, non busco choio, non formo, non manteño os meus profesionais…, só aparezo para poñer o cazo cando hai negocio. Así é "empresario" calquera. A chamada "iniciativa privada" é un timo porque se apoia no saqueo sistemático de recursos públicos. Os empresarios son innecesarios porque non xogan ningún papel na produción. Son meros explotadores de man de obra, son uns PARASITOS SOCIAIS.
Os feitos son teimudos: non hai razón para pensar que este plan de empresa servirá para mellorar Navantia como empresa pública. Todo o contrario: é unha continuación do desmantelamento posto en marcha cos plans de 1999 e 2005.
Navantia xa non pode construír un buque por si soa e, polo camiño que leva a Sala Técnica, queda moi pouco para que tampouco poida deseñalo. A subcontratación é o problema de futuro máis grave que afronta Navantia. Hai que pedirlle ó novo goberno que adopte medidas de inmediato para corrixir este rumbo.
É NECESARIO QUE, Á REIVINDICACIÓN DE CARGA DE TRABALLO, LLE
SUMEMOS:
1) A DENUNCIA DE TODO O PROCESO DE PRIVATIZACIÓN INDIRECTA A
TRAVÉS DA SUBCONTRATACIÓN.
2) A REIVINDICACIÓN DE QUE NAVANTIA CONTRATE DIRECTAMENTE,
MEDIANTE CONVOCATORIA PÚBLICA E CON TÓDALAS GARANTÍAS, OS
PROFESIONAIS QUE NECESITA PARA FACERSE CARGO TANTO DA
XESTIÓN COMO DO DESEà‘O E A CONSTRUCIÓN DOS BARCOS.
Como calquera outro sindicato, a CGT pode trabucarse. Pero nunha cousa non imos trabucarnos: o lado da barricada no que estamos. Nin por acción nin por omisión seremos cómplices dos que están a desmantelar unha empresa pública a costa de milleiros de traballadores e en beneficio de intereses privados espurios.
Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol