post

 

O vindeiro domingo, día 02 de xuño, ás 12:30 horas, no cemiterio de santo Amaro da Coruña, terá lugar a tradicional ofrenda floral que cada ano ven organizando a CGT da Coruña en lembranza dos obreiros e obreiras asasinados, vítimas da represión, durante a folga xeral (a coñecida como folga dos "consumeros") que tivo lugar na cidade da Coruña os días 30 e 31 de maio e día 1 de xuño de 1901.
A homenaxe terá lugar no monolito que foi levantado polas sociedades obreiras coruñesas e sufragado por subscrición popular no ano 1906.
Ao seu término, farase outra ofrenda ante o conxunto escultórico situado na Avenida de Navarra en lembranza de tódolos represaliados polo franquismo.

Comité Local da CGT da Coruña

Breve reseña histórica da «Folga dos consumeiros»

A finais de maio de 1901, os empregados de consumos da Coruña declararonse en folga para conseguiren unha serie de melloras laborais. Eran os consumeiros, que así se chamaban, os encargados de recadar os impostos municipais de consumos, función que estaba cedida a un particular, do que eran empregados.

Na tarde do 30 de maio, cando se celebraba unha concentración ante o fielato de Catro Camiños, no que estaban traballando esquirois, prodúxose o asasinato do empregado de consumos Mauro Sánchez por parte da Garda Civil, presumiblemente por se resistir á súa detención. Inmediatamente, as sociedade obreiras decretaron folga xeral e o enterro do traballador, o día 31, transformouse nunha impresionante manifestación antiburguesa. Unha inxente multitude dispúxose a acompañar ao consumeiro na súa derradeira viaxe, pero as autoridades militares (se tiña decretado a lei marcial) non estaban dispostas a consentiren tal desafío ao seu poder. En pleno centro da cidade, as tropas dispararon a quemarropa contra a multitude, causando víctimas entre os traballadores e traballadoras que nela había. O resultado foi a morte de oito persoas mais e varios mutilados pola acción dos sables, balas e cabalos da tropa.

Catro traballadoras e cinco traballadores coruñeses morreron naquelas xornadas. Na súa lembranza, as sociedades obreiras coruñesas, por suscripción popular, erixiron en 1906 un monumento no cemiterio de San Amaro, que ainda existe.

Os asasinados foron os seguintes:

  • Mauro Sánchez: consumeiro de 34 anos. Vivía coa súa muller e cinco fillos na estrada da Torre. Morto por bala na cabeza.
  • Benita García Torres e Manuela González Seijo: serventas do Hotel de Francia de 20 e 29 anos respectivamente. Mortas dun balazo no ventre cando estaban asomadas nunha galería.
  • Josefa Corral: 42 anos. Un balazo na cabeza cando estaba sentada na galería da súa casa en San Andrés.
  • Antonio Bruno Orro: Augador. Recibiu un balazo no peito en San Andrés.
  • Antonio M.ª Veiga: Ancián carpinteiro. Morreu no hospital tras recibir un balazo na Rúa Real.
  • Francisco García Lodeiro, alias Carabel: Aserrador de 35 anos. Natural de Mabegondo. Morto por un balazo no ventre na Rúa Alta.
  • Jacobo García: Zapateiro. Escondeuse no local da Sociedade de Oficios Varios da rúa Cordelería e morreu dun balazo.
  • Encarnación Alonso: Non se ten mais información que a de que o seu nome aparece no monolito. Probablemente faleceu mais tarde como consecuencia das feridas.

Non contentos con tal canallada, o Capitán Xeral, un individuo chamado José Lachambre Domínguez e coñecido na Coruña como o amigo do frasco da xinebra, comezou a deter a traballadores a partires do dous de xuño, conseguindo coa súa fazaña que mais de cen foran presos e varios deles condeados a cadea.

Eentre os condeados estaban os consumeiros Venancio González Escontrela (a vinte anos de cadea) e Manuel Mosquera Morano (a seis anos), o secretario da sociedade de pintores Juan Santos Martínez (a seis anos) e o secretario de "Oficios varios" Juan José Cebrián (a doce anos), por sedición e insulto á forza pública. Hai que suliñar que entre os detidos estaban os traballadores que enviaban aos seus fillos á escola que tiña montada a asociación Antorcha Galaica do Libre Pensamento, por este simple motivo.

Ante o escándalo internacional, os militares xulgaron nun tribunal de honra ao tenente Pedro Vázquez, que mandaba a tropa, que foi condeado á súa expulsión do corpo. Non entendendo cecais o alcance da xustiza militar, aos poucos días, o compañeiro anarquista Ricardo Cotelo disparou contra o tenente, pero este librouse polos pelos, fuxindo entre unha persecución na que interviron varias mulleres que pasaban polo lugar.

Pouco a pouco conseguiuse o retorno de todos os condeados ao declararse ilegal a actuación militar mediante unha artimaña legal, ao ser os actos dos que se lles acusou anteriores á entrada en vigor do bando de guerra.

Estes feitos foron ocultados pola burguesía, de xeito que as xeneracións seguintes a descoñeceran. Somentes algunhas asociacións obreiras e particulares decidiron, ano tras ano, seguir levando flores ao monolito erixido en 1906. Ata hoxe.

Enviar por correo electrónicoEscribe un blogCompartir con TwitterCompartir con FacebookCompartir en Pinterest




Comparte esta entrada ...