NOTA DE PRENSA: O pasado 29 de agosto a Confederación Xeral do Traballo (CGT) presentou unha solicitude na oficina do Defensor del Pueblo para que este, no exercicio das súas atribucións, interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei da Función Pública de Galicia publicada o 27 de agosto pasado, concretamente contra a súa disposición adicional 17ª que establece un complemento retributivo para todos os altos cargos da administración galega dende 1981.
A citada Disposición Adicional 17ª supón na práctica un trato de privilexio a uns determinados funcionarios, trato que é contrario a principios básicos constitucionais e, ademais, resulta agravado por canto a razón do mesmo está en ter ocupado un posto de designación directa ou de libre designación, isto é, non sometido estrictamente aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Ao mesmo tempo esta disposición adicional supón o incumprimento do acordo retributivo para os anos 2006-2009 asinado polo Conselleiro da Presidencia e os sindicatos máis representativos, onde se fixan os incrementos salariais para todos os funcionarios da Xunta de Galicia sen excepción ningunha. Pero non so isto, senón que vulnera dun xeito flagrante o Estatuto Básico do Empregado Público (Lei 7/2007 de 12 de abril) de recente aprovación polo parlamento español, concretamente os seus artigos 31, 33 e 37onde se establece o dereito á negociación colectiva dos empregados públicos, os principios que ven rexer esta negociación e a obrigatoriedade desta negociación en materias retributivas. A aprobación desta disposición tamén vulnera o artigo 24 do Estatuto Básico, onde se establecen os criterios que deben cumprir tanto a contía como a estrutura das retribucións complementarias (o complemento da a Disposición Adicional 17ª concede aos altos cargos ten a consideración de retribución complementaria). Ningún destes criterios ampara o disposto na disposición adicional 17ª polo que a súa aplicación supón un agravio para o resto dos traballadores da función pública que verán como compañeiros que, co único mérito de ter estado nun cargo de contido político, alcanzarán o máximo de retribucións (en ocasións, superiores ás que polo seu grupo lles puideran corresponder) que o resto non poderá conseguir, aínda que sexa cunha carreira administrativa afortunada e de moitos anos de servizo.
Por estes motivos, dende a CGT agardamos que o Defensor del Pueblo interpoña o recurso de inconstitucionalidade que lle solicitamos para que deste xeito se anule unha disposición adicional que dende a súa aprobación só ven causando polémicas e malestar entre todos os empregados públicos da Xunta de Galicia.