ferrocarril_publico_2 O Ministerio de Fomento presentou aos Sindicatos un borrador de traballo do plan de racionalización de servizos ferroviarios que ten previsto levar a efecto a partir de Xuño de 2013. Neste borrador o Ministerio prevé suprimir en toda España 779 trens semanais de Media Distancia convencional (un 23% do total) e 172 estacións deixarán de ter parada de tren, afectando estas medidas a 945.000 viaxeir@s (un 6% do total da M.D. convencional). Outras 163 estacións verán reducidos os servizos ferroviarios a u tren con parada por sentido.

Según o estudo feito polo Sector Ferroviario da CGT-Galiza, na nosa terra deixarán de circular 110 trens semanais, o que supón un 19% do total e 21 estacións deixarán de ter servizo ferroviario, ademais de ver reducidos os seus servizos a un o día por sentido outras 27 estacións. O único treito da rede ferroviaria estatal que quedará sen trens de Media Distancia está en Galiza (Ourense-Puebla de Sanabria).O Ministerio está a falar coas CC.AA. por si queren financiar algún destes servizos que se propón eliminar e estuda a posibilidade de reducir o impacto da supresión de servizos utilizando os trens de Longa Distancia pra prestación de servizos de Media Distancia.

Dende o Sector Ferroviario da CGT de Galiza, rexeitamos os plans do Ministerio de Fomento, pois supoñen unha importante reducción de servizos ferroviarios para Galiza, especialmente para as zonas rurais mais illadas da Galiza interior, onde os pobos e aldeas terán aínda menos servizos dos xa de por sí minguados servizos públicos. 

Non entendemos que se eliminen paradas en estacións, xa que ata agora estas estacións con pouca demanda teñen as paradas facultativas, de tal xeito que si non hai viaxeiros o tren xa non para, polo que o aforro de cartos e tempo é mínimo, afectando a 3.712 viaxeir@s que utilizaron estas paradas na Galiza. Tamén rexeitamos que se reduzan o servizo a un o día por sentido nas 27 estacións que non chegan a 5 viaxeiros o día, xa que iso levará consigo que estacións como Cambre con 14 servizos; Cecebre con 12 servizos; Cesantes ou Neda con 8 servizos; Sela, Pousa-Crecente e Pontevedra-Universidade con 6 servizos; Canabal con 4 servizos, Os Peares con 3 servizos o día, etc., vexan reducidos os trens a 2 servizos diarios, un por sentido, e isto levará consigo que os 28.217 viaxeir@s que utilizaron estas estacións galegas se reduzan aínda máis. Caso curioso é o de Pontevedra-Universidade xa que nestes intres paran 3 trens por sentido e os plans de Fomento reducen os trens a un por sentido, cando fai pouco foi inaugurado un novo apeadeiro mais amplo e longo pra dar cabida os trens que circulan en dobre composición.

Dende CGT apostamos por aumentar os investimentos no ferrocarril convencional, fronte os trens de Alta Velocidade, creando redes de proximidade con dobre vía electrificada con estacións e apeadeiros preto das cidades e pobos galegos que fomente o equilibrio entre o medio rural e o urbano.
Reivindicamos tamén un ferrocarril que inclúa facilidades pra o transporte con bicicleta e a intermodalidade con outros medios de transporte sustentábel e redes metropolitanas que presten á cidadanía un servizo suficiente, accesíbel economicamente e de calidade para os desprazamentos diarios, facilitando a redistribución de rendas, diminuíndo a conxestión do tráfico e a dependencia enerxética exterior, e aumentando o tempo de ocio de amplas capas de poboación. Non aceptamos a política ferroviaria actual de un ferrocarril que vexamos pasar pola veira das nosas casas pero que non pare preto dos nosos pobos.

Ante as plans do Ministerio de Fomento, o Sector Ferroviario da CGT en Galiza, vai realizar o vindeiro 20 de Marzo unha xuntanza en Ourense de todo o Sector, co obxectivo de estudar as consecuencias no ámbito social e laboral destes plans, as repercusións sobre o cadro de persoal dos traballador@s ferroviari@s galeg@s e a elaboración dunha alternativa de modelo de ferrocarril galego baseado nun servizo público e de calidade, que favoreza a cohesión territorial e social do noso país, extensivo e dinamizador da actividade diaria da poboación, co obxectivo de comenzar unha campaña en defensa do ferrocarril convencional para presentala nos Concello e mesmo a Xunta de Galiza, os cales ímonos dirixir de xeito inmediato, denunciando os recortes en materia ferroviaria que está a preparar o Goberno de Madrid e solicitar a súa intervención para parar esta desfeita no ferrocarril galego.

Sector Ferroviario da CGT de Galiza

Comparte esta entrada ...