A CGT da Coruña decidiu asistir á manifestación que sairá, ás 8 da tarde, da Praza da Palloza da Coruña, o próximo 2 de marzo, convocada por CC.OO.-UGT. A CGT reivindicará así a paralización da reforma das pensións e a necesidade dunha Folga Xeral que poña freo ás agresións que sufre a clase traballadora.
O texto que se repartirá na manifestación é o seguinte:
«Contra o pensionazo, mobilización e Folga Xeral
A intención do goberno de modificar a idade de xubilación e o endurecemento dos requisitos para ter dereito a unha pensión é a agresión máis brutal dos últimos anos contra os dereitos dos traballadores.
Pero non é a única:
-Â Â Â Os grupos sociais de maior poder económico aumentaron no ano 2009 un 30% o seu patrimonio empresarial e rendas do capital.
-Â Â Â Mentres, máis de 4 millóns e medio de traballadores están no paro.
-Â Â Â Preto dun millón de familias teñen a todos os seus membros parados, condenados á miseria e á exclusión social.
-Â Â Â Máis de 8 millóns de persoas viven na pobreza. Só o ano pasado, as OO.NN.GG. tiveron que alimentar en España a máis dun millón de persoas.
-Â Â Â 12 millóns de traballadores teñen ingresos anuais por baixo dos 12.000 euros.
-Â Â Â Milleiros de traballadores están sufrindo o embargo da súa vivenda.
Nesta situación de precariedade e inxustiza social xeneralizadas, o goberno "socialista" pretende retrasar a idade de xubilación, incrementar o número de anos de cotización para o cálculo das pensións, deixar en descuberto a millóns de parados, pactar cos sindicatos oficialistas unha nova Reforma Laboral e, finalmente, conxelar os salarios. É dicir, un aumento da miseria.
Ante estes feitos, a CGT considera que a única resposta posible é a mobilización e a Folga Xeral:
-Â Â Â Para esixir traballo, contra o paro e a exclusión social.
-Â Â Â Para parar o retraso na idade de xubilación, o aumento de anos de cotización para ter dereito a pensión e a perda do seu poder adquisitivo.
-Â Â Â Para deter a nova Reforma Laboral que se anuncia no mesmo senso que as anteriores: redución dos dereitos laborais, sociais e económicos dos traballadores a favor dun empresariado sen escrúpulos e dunha clase política sometida e cómplice dos intereses do capitalismo máis destrutivo.
-Â Â Â Para rachar a conxelación salarial pactada coa patronal, cando máis de 12 millóns de traballadores e traballadoras teñen condicións de traballo indignas e salarios de miseria que non chegan ao salario mínimo anual.
Pola túa dignidade, non deixes que te paren: loita.»
CGT da Coruña