O venres 5 de xuño os traballadores de Extel – en toda España- e de Atento en Coruña están chamados a un paro de 24 horas.
Coincidindo coa xornada de folga, a CGT xunto coa CIG convocou unha manifestación que partirá ás 12 horas dende Extel, -empresa situada en Matogrande- e percorrerá as rúas da cidade para rematar en Atento – na rúa Juan Flórez-.
Esta folga é a continuación dos paros parciais que dende hai máis dun ano están a levar a cabo os traballadores e traballadoras de ambas as dúas contratas que prestan servizo para Movistar para esixir o cesamento das deplorables condicións laborais que padecen: presión excesiva, acoso, sancións, despedimentos constantes, cambios de horarios e de departamentos, exhaustivo control do traballo, seguimentos e gravacións indiscriminadas; ás que se suman a precariedade xeneralizada no sector do telemarketing, con salarios moi baixos, unha inestabilidade laboral constante e onde a maioría dos contratos son impostos a tempo parcial, con xornadas laborais de moi poucas horas que non permiten chegar a fin de mes.
Con esta xornada de loita os traballadores e traballadoras pretenden rematar coa explotación laboral imperante e dar a coñecer que, mentres as empresas para as que traballan (Movistar, Atento e Extel) seguen engordando os seus beneficios, a súa situación laboral cada vez se agrava máis.