post

 

O persoal de Atento que traballa no servizo 1004 de Movistar, por segunda vez en pouco máis de medio ano, está ameazado cunha nova Modificación Substancial das Condicións de Traballo (MSCT) que implica a imposición de quendas partidas (traballando fins de semana completos), perda de pluses salariais e extrasalariais e unha agresión directa aos dereitos de conciliación, coidado da familia e protección da infancia e das vítimas de violencia machista. O motivo deste novo atropelo débese a que Movistar -no seu afán de explotación laboral e engano aos seus clientes- pretende cambiar o seu horario de atención do 1004 das 9:00 ás 22:00 horas, en lugar de dar servizo desde España as 24 horas do día todos os días do ano. Con esta medida só buscan abaratar custos laborais, con avaricia e voracidade e sen ningunha sensibilidade social; á vez que empeora a atención aos seus clientes, que lembremos son os que máis pagan do mercado.

O primeiro intento de MSCT terminou sen acordo coa parte social e cunha posterior sentenza -recorrida por Atento- a favor do persoal, declarando a nulidade da medida. A pesar diso, a salvaxe modificación logo anulada en sentenza supuxo a perda de 125 postos de traballo. Agora, tras máis de medio ano sen que Atento fixese nada para paliar, minimizar e anular os graves prexuízos ao persoal pola medida imposta por Movistar, persisten no seu intento de partir a vida a xs traballadorxs e provocar máis rescisións de contratos debido a que moitxs deixarán de poder compaxinar as súas quendas e horarios coa súa vida allea ao traballo.

Para esixir a retirada desta medida a CGT convoca a todo o persoal de Atento a un paro estatal de 24 horas o luns 10 de xullo. Coincidindo coa xornada de loita, na Coruña terá lugar unha concentración, ás 12 horas, diante da tenda Movistar da praza de Pontevedra en protesta por unha agresión máis ás nosas vidas.

Sección Sindical da CGT en Atento – A Coruña

Comparte esta entrada ...