CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/a-cgt-chama-a-folga-a-mais-de-15-000-traballadores-e-traballadoras-do-telemarketing/
Export date: Sun Sep 1 14:20:47 2024 / +0000 GMT

A CGT chama á folga a máis de 15.000 traballadores e traballadoras do telemarketing


O vindeiro luns 23 de xuño os traballadores e traballadoras das empresas Atento e Extel que prestan servizo para Movistar están chamados pola CGT a secundar un paro de 24 horas en todo o estado.

Folga23xuño_telemarketing2Esta xornada de folga é a continuación dos paros parciais levados a cabo dende o mes de xaneiro por todos os traballadores e traballadoras de ambas as dúas contratas para protestar polas deplorables condicións laborais ás que están sometidos: presión excesiva, acoso, sancións, despedimentos, exhaustivo control do traballo, con constantes auditorías e gravacións indiscriminadas, que se unen a unha constante inestabilidade laboral e uns salarios moi baixos. A territorialización dos servizos de atención de Movistar trouxo unha falsa imaxe de proximidade, porque en teoría se atenden as chamadas dende sitios próximos ao lugar de residencia dos clientes, pero á vez unha precarización das condicións laborais de todos os traballadores e traballadoras do sector, xa que o que antes se atendía en plataformas situadas en países con salarios moito máis precarios, agora ha de ser atendido dende España ao menor custo posible.

Ao longo deste mes de xuño, fóronse sumando máis sindicatos a esta convocatoria. Na Coruña todas as forzas sindicais presentes nos centros de Atento e Extel manifestaron o seu apoio á folga do día 23.

Coincidindo coa xornada de folga, a CGT convocou unha manifestación ás 12:30 horas que partirá dende Atento, situado na rúa Juan Florez 80- 82, á que están chamados todos os traballadores e traballadoras.
Post date: 2014-06-17 08:15:52
Post date GMT: 2014-06-17 07:15:52

Post modified date: 2014-06-17 08:15:52
Post modified date GMT: 2014-06-17 07:15:52

Export date: Sun Sep 1 14:20:47 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com