post

 

Onte, luns 7, celebrouse en Navantia-Ferrol unha asemblea xeral da principal para debater o acordo alcanzado na Comisión Central de Emprego sobre os procesos das futuras convocatorias de prazas de ingreso en Navantia.

Só CCOO defendeu o acordo. A CGT, CIG e MAS opuxémonos. A sentenza da asemblea foi inapelable: a gran maioría dos traballadores pronunciouse en contra. Para contar os votos a favor chegaron os dedos dunha soa persoa (e sobraron algúns).

A CGT expuxo na asemblea os principais motivos que nos levan a rexeitar a proposta:

  • Non recolle a posibilidade da inscrición presencial, algo necesario vistos os problemas do portal de emprego de Navantia.
  • Mantén a subcontratación de partes do proceso.
  • Puntuación distinta para os mesmos títulos académicos segundo se obtivesen na FP dual ou na FP non dual.
  • Falta de transparencia:
    • A identificación dos candidatos/as será por DNI, non por nome e apelidos.
    • A puntuación do baremo seguirá sen aparecer desglosada por conceptos.
  • Falta de obxectividade:
    • A selección dos titulados universitarios segue a ser totalmente subxectiva.
    • Aparece a posibilidade dunha entrevista persoal para determinadas prazas de oficinas, que valerá os mesmos puntos có exame práctico. Este aspecto é particularmente grave porque significa a introdución da subxectividade nunhas prazas que até agora sempre se rexeron por criterios obxectivos (agás o precedente da entrevista co psicólogo nas prazas de operarios-empregados júnior 2019).
  • Limitación a 12 anos da antigà¼idade dos títulos.
  • Recorte nos anos máximos de puntuación por experiencia profesional nas prazas de operarios e empregados sénior: actualmente son 15 e se baixa a 10.
  • Non recolle ningunha solución para o grave problema da acreditación da experiencia profesional, que, como se está vendo no proceso das prazas de operarios e empregados sénior 2019 actualmente en marcha na nosa comarca, provoca uns índices de non admisión altísimos, superiores ó 90% nalgunhas profesións.

A CGT cre que a cuestión da subxectividade e os numerosos problemas causados por RRHH de Navantia nos procesos de novos ingresos son un problema sindical de primeira orde e que é necesario abordalo sindicalmente con toda determinación, para poñer fin ás arbitrariedades e garantir os procesos obxectivos e transparentes que debe haber nunha empresa pública.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol




Comparte esta entrada ...