post

 

Máis de 300 manifestantes déronse cita na manifestación que a CGT, xunto coa CUT e o SE, convocaron co motivo deste Primeiro de Maio. A manifestación transcorreu moi animada polas rúas de san Andrés, Nova, Real, san Nicolás e Panadeiras, para rematar no Campo da Leña coa lectura dun manifesto conxunto. O texto do manifesto é o seguinte:

1º de MAIO: A CLASE OBREIRA SEGUE EN LOITA.
Unha vez máis, nesta ocasión coa situación sanitaria como telón de fondo e cortina de fume, as consecuencias da enésima crise do capital van recaer sobre nós. Á costa das nosas vidas. Foron miles de ERTE´s a cargo dos cartos públicos, moitas persoas que perdemos os nosos empregos, moitas que nin sequera teñen garantida unha mínima protección laboral e social, condeadas a situacións de desamparo. Moitas as infinitas esperas para arranxar a irrisoria contía do Ingreso Mínimo Vital, e moitas as colas da
fame.
Vimos de fronte unha sanidade pública desmantelada e deficiente, con hospitais colapsados e atención telefónica, uns servizos sociais desaparecidos, pechados ao público cando máis falta fan, unhas intitucións de atención á vellez e á infancia precarizadas e privatizadas, con persoal exhausto, onde se evidenciaron máis que nunca as condicións nas que están sendo atendidos os nosos maiores e as nosas crianzas. O
traballo reproductivo, os coidados e as tarefas que sosteñen a vida dentro dos fogares, multiplicándose e caindo con todo o peso nos lombos das mulleres, sen remuneración algunha.
Así descorreu este último ano, mentras a xestión militar da pandemia se facía presente, co exército e a policía nas rúas inoculando medo, e se nos chamaba á calma e a saír disto xuntas, como se o barco das empresas que se beneficiaron dos ERTE´s, o das grandes corporacións que veñen de levar a maior parte dos fondos chegados de Europa, o barco da banca e a patronal, fose o mesmo que o noso.
Este sistema capitalista, patriarcal e racista non é o estado natural e inevitable das cousas, como pretenden facernos crer, e o noso barco, é outro: é o das persoas migrantes en situación irregular violentadas pola Lei de Extranxeiría, o das persoas desempregadas, o dos que teñen salários de miseria, o das familias que non chegan a fin de mes, é o barco das que loitan, o dos vecindarios organizando a solidariedade e o apoio
mutuo nos barrios e vilas, o da clase obreira facéndolle o pulso á patronal, o das que nos negamos a naturalizar a inxustiza e a desigualdade e a abaixar a cabeza. A explotación é o noso pan de cada día pero tamén o son a loita, a raiba e a alegría.
Este 1º de maio é un máis no camiño. Cómpre mobilizarnos, organizar dende a base, desde as rúas, a solidariedade e a contestación social porque somos a maioría e temos todo a gañar: vidas vivibles e dignas. Seguimos en loita.
Viva a loita da clase traballadora!
Viva o 1º de maio!

CGT da Coruña




Comparte esta entrada ...