post

 

Prazas operarios-empregados júnior 2019: Se alguén pensou que polo menos o ingreso na factoría se desenvolvería con normalidade, equivocouse. Dúas persoas que superaron o segundo exame non ingresarán. En ambos casos acordouse chamar ós seguintes da respectiva especialidade.  

Nun caso, a persoa non respondeu ás comunicacións de Navantia para o recoñecemento médico. Navantia di que non sabe o motivo; outra posibilidade é que non o queira contar.  

No outro, pasou o recoñecemento médico e incluso apareceu na lista oficial de ingresos publicada por Navantia. Pero co resto da súa especialidade xa dentro, Navantia comunica… que a persoa NON TIà‘A A TITULACIÓN REQUIRIDA PARA PRESENTARSE ÁS PRAZAS.  

Dada a limitación de 3 por praza no segundo exame, este erro significou que unha persoa ficou inxustamente sen posibilidade de optar a unha praza. Despois de ano e medio de proceso, este descontrol é de escándalo.  

A CGT pediu explicacións. ¿Esa persoa enganou na inscrición? ¿Navantia equivocouse ó dala por admitida? Se foi este caso, ¿que pasou? ¿Foi neglixencia ou hai outra causa? Como sempre, RRHH de Navantia non responde.  

As persoas poden equivocarse, pero o proceso non pode ter fallos porque estamos falando do futuro de persoas. A CGT esixe que Navantia garanta que isto non volve ocorrer e que a solicitude dos orixinais dos títulos académicos se faga antes da publicación das listas definitivas do primeiro exame.  

Decenas de convocatorias para a antiga Escola de Aprendices facendo todo a man, manexando milleiros de papeis entregados en persoa, e nunca houbo ningún problema. E agora, na Navantia 4.0 e cunha compañía subcontratada, un psicólogo fachendoso, un portal de emprego, medios informáticos, etc., e todo son problemas. Está claro que o verdadeiro problema é que non hai vontade de facer uns procesos obxectivos e transparentes, a pesar de que Navantia debería dar exemplo como empresa pública que é.  

Prazas sénior 2019: Onte houbo reunión empresa-comité. A CGT protestou pola publicación das listas provisorias de admitidos e non admitidos nas prazas de operarios-empregados en plena Semana Santa e tamén porque o prazo de reclamacións violara os criterios usados até agora, posto que empezou o mesmo día da publicación e rematou en festivo (Xoves Santo). A CGT plantexou dúas cousas:  

1) Apertura dun novo prazo de reclamacións, por entender que publicalas en Semana Santa non era axeitado.  

2) Que, como mínimo, se aceptasen tódalas reclamacións recibidas dentro do que sería o prazo de reclamacións se chegan a usarse os criterios que se viñan utilizando até agora (inicio do prazo ó día seguinte da publicación e non incluír nin festivos nin fins de semana).  

Só a CIG apoiou estas propostas. CCOO e MAS posicionáronse coa empresa, para variar. UGT non particpou na xuntanza.  

Respecto ás prazas universitarias,a CGT esixiu a publicación de listaxes de admitidos e non admitidos. Non publicalas é unha total falla de respecto a tódolos aspirantes, que o menos que se merecen é saber canto antes se están dentro ou fóra da convocatoria e ter a posibilidade de reclamar. A empresa rexeitouno argumentando que non se acordara así coa parte social.  

Dado o nivel de non admitidos que hai nas prazas, ¿por que RRHH de Navantia, CCOO e MAS teñen tanto interese en converter os procesos de ingreso en auténticas carreiras de obstáculos para a maioría da xente?  

Sección Sindical Unitaria de CGT-Navantia




Comparte esta entrada ...