O 20 de abril, un cento de traballadores do AAOR-1 foron obrigados a empezar a traballar. Dende aquela, o número de persoas na factoría vai aumentando progresivamente, aumentando tamén os problemas de seguridade.
Ante isto, o comité de empresa transmitiulle hoxe á dirección tres cousas:
- A esixencia de limitar ó número de traballadores ós que entraron o venres pasado mentres non se garante o cumprimento do protocolo.
- A dirección debe dar unha resposta antes das 20:00 h.
- En caso de non aceptar a limitación, o comité impedirá mañá que se traballe.
En abril, a CGT opuxémonos ó reinicio da actividade por considerar que non se daban as condicións. A realidade confirma esa postura. Por iso, aínda que apoiamos a proposta do comité porque nos parece un paso na dirección correcta, tamén dixemos que se queda curta. Os problemas só apareceron a raíz das 200 persoas máis que entraron onte pola mañá respecto ó venres? Por suposto que non. Por iso a nosa proposta é voltar á situación anterior ó 20 de abril e garantir a adaptación das instalacións antes de chamar a traballar a ninguén.
Sabemos que hai compañeiros/as que poden dicir que están a perder moitos cartos porque levan moito tempo nun ERE. Pero non deberíamos aceptar que a presión económica nos obrigue ós traballadores a ter que traballar sen as condicións axeitadas.
Nesta situación, o deber dos sindicatos de clase é reivindicar que os beneficios amasados polas empresas durante todos estes anos sirvan agora tanto para garantir os salarios dos traballadores/as (que somos os que xeramos eses beneficios) como para tomar tódalas medidas preventivas necesarias fronte a pandemia (máis planteis de limpeza e de prevención, máis medios, máis epis de calidade…).
NIN ERTES NIN ERES!
QUE OS CAPITALISTAS PAGUEN A CRISE !
A SAÚDE NON SE VENDE, DEFÉNDESE !
Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol