O novo texto do convenio coñecido onte mellora un par de aspectos, pero isto non cambia o substancial: segue a ser un convenio de recortes (condicións distintas para os novos ingresos e os TS, desaparición de dereitos tan importantes como as asimilacións, etc.)
Pero sobre todo segue a ser un convenio onde aspectos tan decisivos como a estrutura salarial, a clasificación profesional, o encadramento en ambas dos traballadores, os novos criterios dos ascensos, o futuro dos conceptos sociais ou a unificación dos conceptos salariais fixos e variables segue sen estar definida, a expensas de comisións que, por moito que algúns digan que se non se chega a un acordo nelas seguiremos co XXI Convenio, o texto do convenio único pon moi clariño que as discrepancias se resolverán na Comisión Mixta Paritaria.
Tamén o plan foi modificado onte. Agora di que as condicións dos que cumpran 65 o ano que vén se definirán no prazo dun mes, pero o certo é que seguen sen estar definidas, segue a ser un cheque en branco. E respecto ás condicións do resto dos prexubilados, as condicións plasmadas no plan seguirán aplicándose só á Fase 1 (prexubilacións en 2019 e 2020); as da Fase 2 (2021 e 2022) se verán a mediados de 2020, con todo o que este tempo pode supoñer en cambios lexislativos derivados de cambios políticos (dos que CCOO e UGT só se acordan á hora de meter medo para asinar isto xa e de calquera maneira). Por outra banda, moitos aspectos dos novos ingresos seguen sen aclararse (agás as peores condicións laborais).
Os cambios anunciados este luns 17 son a mellor proba de que este convenio non debe asinarse: NON SE REALIZAN PORQUE OS NEGOCIADORES SINDICAIS OS VIRAN NECESARIOS, SENÓN POLO ENORME MALESTAR EXISTENTE NA NOSA FACTORÍA, que ten seriamente preocupada á empresa e motivou unha vídeo-conferencia de Fernando Ramírez exclusivamente co comité de Ferrol o venres pola tarde. Pero se o amplo rexeitamento entre os traballadores de Ferrol provoca cambios nun convenio que en teoría xa estaba cerrado, ¿QUE NON PODERÍAMOS CONSEGUIR SE NOS MOBILIZÁSEMOS PARA ESIXIR MÁIS E MELLOR EMPREGO, MENOS SUBCONTRATACIÓN, AUMENTO DE PLANTILLA, MÁIS DEREITOS PARA OS TRABALLADORES…?
Ligar plan e convenio é unha chantaxe da empresa, que pretende que os prexubilables sexan os verdugos do convenio da Bazán. Os traballadores nunca aprobamos negociar xuntos plan e convenio. Por tanto, DEBEN VOTARSE POR SEPARADO. Se o convenio e tan marabilloso como din algúns, ¿por que tanto medo a que haxa votacións separadas?
Lamentablemente, o comité está a colaborar coa empresa. Por iso negábase a convocar unha asemblea xeral. E cando os traballadores recollemos as sinaturas de máis do 40% da plantilla, a convoca, pero ¡como "Asemblea xeral informativa" cunha duración limitada a 1 hora! Despois de que as asembleas parciais durasen 3-4 horas, con múltiples versións do convenio e do plan (as últimas feitas públicas hai menos de 24 horas), pretender limitar o tempo da asemblea xeral a 60 minutos é unha completa burla ós traballadores. Unha asemblea xeral non é un trámite. Ten que servir para que os traballadores poidan expresar a súa vontade. ¡O pobo é quen máis ordena!
A asemblea é soberana. Se o plan e o convenio se deben votar de forma conxunta ou separada non o pode decidir a empresa. Temos dereito a decidilo entre todos. Que os nosos representantes nolo queiran impedir é unha actitude que viola os dereitos democráticos dos traballadores e, por tanto, só pode calificarse de antidemocrática e ditatorial. O COMITÉ DE EMPRESA ESTÁ UTILIZANDO A REPRESENTATIVIDADE OUTORGADA POLOS TRABALLADORES PARA IMPEDIR QUE SEXAN OS PROPIOS TRABALLADORES OS QUE TOMEN AS DECISIÓNS. ISTO É REALMENTE GRAVE PORQUE É UN SÍNTOMA CLARO DE TENDENCIAS AUTORITARIAS. Que cadaquén pense a que pode deberse semellante actuación.
Sección Sindical Unitaria de CGT en navantia-Ferrol
2018-12-18 CGT Cartel En defensa do convenio, en defensa da asemblea