Solidariedade con Palestina

Dende fai semanas o estado de Israel está levando a morte e a desolación ó pobo palestino e somete a toda a poboación mundial á humillación de ser testemuña impotente dun xenocidio, friamente executado.

A CGT de Galicia convoca á MANIFESTACIÓN en Compostela o día 18 de xaneiro de 2009 ás 12:00 hs, denunciando este xenocidio, consentido polos gobernos máis poderosos da comunidade internacional.

Con tal motivo, decidímonos a:

1.- Amosar o noso horror diante da acción de Israel e a nosa solidariedade coas víctimas.

2.- Recoñecer o lexítimo dereito e deber do pobo palestino á defensa da súa liberdade e dignidade e a combater a ocupación da súa terra, a devastación do seu país e a apropiación violenta polo estado de Israel dos seus pobos, campos e aldeas.

3.- Parar o xenocidio do pobo palestino e a invasión militar da franxa de Gaza. Apertura inmediata pola comunidade internacional dun corredor para auxiliar á poboación de Gaza e pór fin ó seu illamento.

4.- Esixir ós gobernos (autonómicos, español, europeos e internacionais) que rematen coa súa pasividade, auxilien de xeito inmediato á poboación palestina, condenen explicitamente este crime contra a humanidade e impoñan a Israel o fin da súa agresión. Concretamente, esiximos romper o bloqueo de Gaza abrindo un corredor de auxilio inmediato; esiximos que se suspendan os acordos de intercambio de todo tipo co estado de Israel e que se someta a ese estado ó illamento mentres non remate coa invasión militar e coa ocupación dos territorios palestinos. Alén máis, esixímoslle ós gobernos da comunidade internacional a reconsideración do tratamento político, económico e diplomático co pobo palestino, en cumprimento da universalidade dos dereitos humanos.

Comité Confederal da CGT de Galicia

Comparte esta entrada ...