Dous días despois da exitosa realización da "I Marcha contra Peche de Camas nos hospitais de Pontevedra", convocada pola Agrupación Prosegal e apoiada pola CGT, este terceiro sábado, 20 de maio, agora convocados pola Marea Branca (da que forma parte a CGT de Pontevedra) estaremos de novo nas rúas de Pontevedra, en defensa da Sanidade Pública.
A CGT de Pontevedra chama ós seus afiliados, simpatizantes e ó conxunto da sociedade pontevedresa a participar activamente este 20 de maio nunha nova edición da Marea Branca en defensa dunha sanidade pública, universal, gratuita no momento da prestación e de calidade. A concentración, convocada pola Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública terá lugar en Pontevedra, Praza da Peregrina, ás 12,30h.
A agresión que sofre a Sanidade Pública a mans dos poderes que rixen o Estado e as súas administracións é cada día que pasa máis noxenta. Recortes, situación precaria dos traballadores e traballadoras interinas, peche de camas, incrementos nas listas de espera, colapsos nas urxencias, aposta do goberno por un modelo sanitario privado que beneficia ás multinacionais … sobran os motivos para a mobilización da cidadanía na defensa dunha sanidade pública, universal, gratuita no momento da prestación e de calidade.
Comité Local da CGT de Pontevedra