cgt_telemarketing_coruña_23XEsta mañá, 26 de xuño, a empresa do telemarketing Atento presentou un ERE que afecta a 15 centros de traballo no estado español, entre eles o da Coruña. A única información que facilitan é que vai afectar ao 9% do panel de traballadores e traballadoras, e que o período de consultas se iniciará o vindeiro 3 de xullo.
O motivo alegado pola empresa é que a compañía sofre unha «importante deterioración de resultados debida fundamentalmente aos seguintes factores: 1. repatriación ou localización (volta do tráfico a España), 2. a perda de volume, e 3. a caída de marxes».

Para a CGT é aberrante, vergonzoso e incomprensible que un dos argumentos de Atento para este ERE, que pode supoñer unha perda de preto de 900 postos de traballo, sexa que hai máis traballo en España pola volta dos servizos de atención. En canto á perda de volume e a caída de marxes, son produto das nefastas condicións que negocian con Telefónica-Movistar e o seu afán por aumentar os seus beneficios.

Dende a última reforma laboral, os EREs xa non se negocian en cada comité de empresa, senón que se constitúe unha comisión negociadora formada por 13 membros elixidos entre os sindicatos con maior número de representación nos centros afectados polo ERE. Será na primeira reunión, do día 3 de xullo, cando empecen as negociacións, que teñen un prazo máximo dun mes, e cando notifiquen o número exacto de afectados e afectadas, e os criterios que pretenden seguir.

A CGT poñerá todos os medios ao seu alcance para parar esta situación e impedir que a especulación de Bain Capital na bolsa de Nova York, e a avaricia de Telefónica-Movistar e Atento sexa pagada polos traballadores e traballadoras.

Comparte esta entrada ...