Continuamos na loita contra Mercadona para conseguir a readmisión do compañeiro Fran, da CGT de Málaga, que foi despedido por dita empresa intentar constituir a Seción Sindical da CGT naquela localidade.
A primeiros do mes de outubro, a empresa Mercadona abriulle un expediente disciplinario ao compañeiro Fran, que tivo a ousadía de organizar e ser nomeado representante da Sección Sindical da CGT de Málaga na empresa. A súa intención era clara: desfacerse dos traballadores máis incómodos e entre eles está Fran, que se negara, pouco antes do expediente, a aceptar cartos para que se esquecese da actividade sindical. Efectivamente, o pasado día 10 de outubro, a empresa despediu ao compañeiro, que respondeu plantándose diante da empresa desde o luns, día 14, mentres a CGT de Málaga realiza concentracións diarias ante os supermercados.
A resposta da empresa é a típica do mundo gangsteril: ofrécelle a Fran unha importante cantidade de cartos e, por riba, diríxese a un cuñado do compañeiro, que tamén traballa na empresa, facéndolle ver que o seu posto de traballo depende do cese das protestas, intentando crear un clima hostil no ámbito familiar.
Estas prácticas, propias das mafias sicilianas, no van quedar impunes e van provocar o incremento das actuacións sindicais da CGT cara Mercadona ante a falta de respecto aos dereitos básicos dos seus traballadores.
Por isto a CGT da Coruña, en coordenación co resto da CGT convoca unha concentración que terá lugar o venres, día 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante da entrada do supermercado de Mercadona da Avenida de Fisterra, número 265, da Coruña.
CGT da Coruña