A sección sindical de CGT no Parador de Cambados ratificou onte a súa adhesión e participación na convocatoria estatal de folga na Rede de paradores, prevista para os días 7, 8 e 31 de decembro e 1 de xaneiro. A folga ten por obxectivo manifestar o rexeitamento absoluto do cadro de persoal e da CGT ao ERE que pretende aplicar a Empresa. Para a CGT a proposta da empresa, entregada aos sindicatos este mesmo luns, 3 de decembro, nun documento dunhas 3000 páxinas, é de todo punto inaceptable, tanto polo seu contido actual (centos de despedimentos, peches de centros de traballo, modificacións substanciais e á baixa das condicións laborais e económicas para centos de traballadores e traballadoras, etc) como polo que significa no inmediato futuro: unha primeira medida no camiño de impoñer a privatización da Rede e, consecuentemente, continuar co saqueo do Patrimonio Público que veñen exercendo dende hai anos os gobernantes deste desgraciado país.
O documento no que constan as intolerables «propostas», inclúen, entre outras, o peche total de 7 paradores (entre eles, en Galicia, os de Ferrol e Verín), o peche por tempada de 27 (entre eles, en Galicia, os de Monforte de Lemos e Tui). O peche por tempada destes establecementos afectaría aos contratos de 948 traballadores e traballadoras e sería de 5 meses. A isto débese sumar o peche de 9 Servizos de Restauración (Restaurantes e cociñas) e, ademais, a redución de persoal nos centros de traballo na Rede, a cal afecta a 644 traballadores e traballadoras. Neste último aspecto, nos que se refire a Galicia, anúncianse despedimentos nos Paradores de Baiona (10), Cambados (3), Ferrol (25, a totalidade do cadro de persoal), Pontevedra (5), Santiago (19), Santo Estevo (4), Verín (15, a totalidade do cadro de persoal).
Por estas razóns, a CGT fai un chamamento a toda a plantilla da Rede de Paradores a secundar os paros convocados e a manter as mobilizacións ata lograr que se retire o ERE nos termos anunciados e que a empresa e o goberno renuncien aos seus plans privatizadores.
CGT Pontevedra – Arousa