A ong "AMARANTE" despide a unha traballadora amparándose na reforma laboral

A ONG Amarante, coñecida polas súas campañas en defensa dos dereitos das persoas traballadoras nos países do Sur e por manter un discurso antisistémico -de feito, foi unha das impulsoras dunha rede anticapitalista a nivel galego- decidiu, ante os problemas económicos polos que está a atravesar, despedir á súa única traballadora fixa en activo argumentando despido obxectivo por razóns económicas.

Non só resulta curioso que unha organización que se laia de pretender transformar a sociedade empregue as mesmas "armas" que as empresas capitalistas que se guían exclusivamente polo beneficio, senón que incluso teña tan pouco "tacto" que formalice o despedimento da súa traballadora (socia da ONG e ata ben pouco membro da directiva que decidiu o seu despido) o mesmo día da aprobación definitiva da nova Reforma Laboral, tan só unhas poucas horas despois. A ONG argumenta para xustificar o despido a falla de rendabilidade da súa tenda de comercio xusto en Vigo (sita na rúa Canceleiro, 5), o mesmo argumento empregado unha e mil veces polas empresas.

Ao mesmo tempo, a ONG négase a asumir a proposta que lle fixeron as organizacións sindicais representantes das traballadoras (CGT e máis CUT) de suspender o despido (efectivo dende o 30 de setembro) e sentarse a falar para ver de chegar a unha solución, que aínda que sexa traumática, fóra consensuada con todas as traballadoras. É máis, durante a xuntanza mantida coas organizacións sindicais, Amarante remarcou a súa intención de que o conflicto se leve ao Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), mostrando unha actitude máis próxima ás prácticas empresariais que as de unha organización que traballa pola xustiza social.

Entendemos que con esta actuación, o único que está a conseguir a ONG é o desprestixio da súa acción solidaria e a incoherencia das propostas que dí defender. En outras palabras, non se pode realizar accións en países coma Marrocos para sensibilizar sobre os dereitos que lle asinten ás mulleres traballadores do textil, mentras se mantén unha posición claramente belixerante con estes mesmos dereitos na súa propia xestión de persoal.

Dende as organizacións sindicais queremos manifestar que si Amarante asume un comportamento claramente empresarial, ambalas dúas centrais sindicais se verán obrigadas a manter con esta ONG a mesma actitude que mantén coas organizacións empresariais, emprendendo as accións oportunas para garantir o cumprimento dos dereitos das traballadoras.

Comparte esta entrada ...