post

Navantia discrimina á CGT coa colaboración de MAS, CIG e CCOO

Tralo esforzo conxunto para sacar adiante o preacordo de convenio, a dirección de Navantia acaba de aliarse de novo con CCOO, MAS e CIG, esta vez para EXCLUÍR Á CGT DOS PROCESOS DE NOVOS INGRESOS:

1) RRHH non nos convoca ás reunións, a pesar das reiteradas protestas da CGT.

2) Eses tres sindicatos, ademais de tampouco avisarnos das reunións, eliminaron á CGT do grupo de WhatsApp e do correo do comité para temas de emprego, a fin de impedirnos acceder á información sobre o tema.

Esta situación, que se arrastra desde o 13 de decembro, tratouse nun pleno do comité o xoves da semana pasada. A CGT pediu que nos explicasen o motivo. A resposta do voceiro da comisión (MAS) foi que actuaban de acordo co regulamento do comité e que podían facelo. É CASUALIDADE QUE A EMPRESA, MAS-CIG E CCOO EXCLÚAN Á CGT XUSTO AGORA QUE SE ANUNCIOU UNHA NOVA CONVOCATORIA DE 97 PRAZAS?

Durante os últimos anos vimos moitas inxustizas, irregularidades e ilegalidades por parte da empresa:

  • Exclusión dunha candidata por “exceso de madureza persoal e de coñecemento profesional”.
  • Uso dun falso psicólogo para negarlle a súa praza a varias persoas.
  • Enchufes no departamento de Compras.

Pero tamén vimos inxustizas e irregularidades pola parte sindical:

  • Un baremo sesgado que dá distinta puntuación a titulacións académicas equivalentes.
  • Pretender excluír un candidato por só aportar o anverso do DNI.
  • Non admitir contratos de Navantia-Australia… por estar en inglés! E a empresa aceptouno!!
  • Pastelear con RRHH atender reclamacións presentadas fóra de prazo.  
  • En xeral, a actuación de MAS e CCOO resúmese en: desinterese polos procesos e interese por persoas concretas con nome e apelidos.

A CGT combateu e denunciou arreo todas estas inxustizas. Por iso lles molestamos: SOMOS UN OBSTÁCULO PARA AS TRANGALLADAS. De CCOO e MAS non esperabamos outra cousa. Pero temos que laiarnos de que a CIG, que viña coincidindo coa CGT (houbo comunicados e asembleas conxuntas sobre temas de emprego), opte agora polo lado escuro.

A CGT considera ILEGAL a nosa exclusión e loitaremos contra ela con todos os medios que consideremos oportunos. As consecuencias que se poidan derivar desta situación serán responsabilidade da dirección delincuente de Navantia e daqueles que conciben o sindicalismo como un negocio clientelista.

Por uns procesos de ingreso xustos, obxectivos e transparentes !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol