post

Correos en folga. Cómpre solidariedade

O PERSOAL DE CORREOS ESTAMOS EN FOLGA E SOLICITAMOS A TÚA SOLIDARIDADE.
DIFUNDE ESTA INFORMACIÓN, ACUDE ÁS MOBILIZACIÓNS:

  • 26 FEBREIRO, 09:30 OFICINA PRINCIPAL DE CORREOS, FERROL
  • 26 FEBREIRO, 12:30 OBELISCO, A CORUÑA 
  • 5 MARZO, 12:00 MANIFESTACIÓN SANTIAGO DE COMPOSTELA, SAÍDA DA PRAZA ROXA. (PARA ESTA CONCENTRACIÓN CONTAREMOS CUN SERVIZO DE BUS DENDE A CORUÑA)

negociación do convenio está aberta e o persoal de Correos temos que dicir alto e claro que necesitamos mellorar as nosas condicións laborais e que nos non podemos pagar as súas crises. Os carteiros, as carteiras, o persoal de atención e de clasificación xa levamos anos sufrindo recortes duros e drásticos.

Por poñer algún exemplo, dende o ano 2011, o persoal de Correos:

  • Sufrimos a eliminación de 20000 postos de traballo
  • Perdemos case un 25% de salario real en relación ao custe da vida
  • Seguimos sufrindo descontos por enfermar
  • DobRamos e recargamos barrios todo o ano
  • Xeralizáronse ás xornadas parciais na tarde, en ATC e nos CTAs
  • Emprégase o III convenio para recortar permisos, vacacións etc.

¿Tendo en conta estes precedentes, de verdade pretenden recortar aínda máis as nosas condicións laborais? Pretenden reducir o persoal por medio de prexubilacións totalmente insuficientes, flexibilizar xornadas, facer unha bolsa de horas a libre disposición da empresa, crear xornadas de martes sábado, fomentar a tarde, mobilidades xeográficas e funcionais á carta… etc, tal como acordaron no infame “ACUERDO MARCO”. E por moito que insistan, o acordo non aclara a voluntariedade desas medidas.

¿De verdade alguén pretende afirmar que a “solución” de Correos é empeorar aínda mais as nosas condicións de traballo? ¿Recortar de novo por abaixo?

NON PODEMOS PERMITILO! E NINGUÉN NOS VAI REGALAR NADA, TOCA LOITAR!

  • POR UNHA RECUPERACIÓN SALARIAL REAL
  • POLO FIN DOS DESCONTOS POR ENFERMAR E DAS DENEGACIÓNS DE PERMISOS
  • POLA XORNADA DE 35 HORAS DE OFICIO
  • POLOS HORARIOS E TURNOS VOLUNTARIOS E ESTABLES
  • POR UN PLAN DE XUBILACIÓNS ANTICIPADAS DIGNO
  • POLA INTEGRACIÓN NO EBEP
  • POLA POSIBILIDADE DE TRASLADOS A OUTRAS ADMINISTRACIÓNS
  • POLA CONVERSIÓN DAS XORNADAS PARCIAIS EN COMPLETAS
  • POR UNHAS MELLORAS CONCRETAS PARA O PERSOAL RURAL
  • ETC…

O 26 DE FEBREIRO, O 5 E O 14 DE MARZO:

TOD@S Á FOLGA POR UN FUTURO DIGNO!

Sección Sindical CGT Correos – A Coruña

 

post

Complicidade sindical para que Navantia incumpla unha sentenza

O caso da excluída por ‘exceso de madureza persoal e exceso de coñecemento profesional’

Cando no outono de 2023 saíu a sentenza condenando a Navantia a convocar á excluída “para la última fase del proceso selectivo”, o comité de empresa, por unanimidade, esixiulle á dirección “incorporar sen máis dilación á demandante”, dado que a última fase é o recoñecemento médico.

Cando no outono de 2024 o Supremo rexeitou o recurso de Navantia e a sentencia foi firme, o comité reiterou a súa esixencia.

A día de hoxe, Navantia, diga o que diga, segue sen facer nada para cumprila. Todo o contrario: recorreu ós seus sindicatos amigos para que lle axuden a incumprila.

O 20 de decembro, a empresa, MAS e CCOO asinaron unha acta propoñendo que a compañeira excluída teña que disputarse 1 praza coas 85 persoas desa convocatoria que non ingresaron en Navantia.

A manobra é tan sucia como clara: queren ter unha escusa para volver a deixala fóra simulando un proceso limpo.

Aquí hai unha persoa excluída ilegalmente dunha convocatoria de prazas. Os 85 candidat@s que non ingresaron remataron o proceso. Se fosen parte interesada nesta demanda, o xuíz tería ordenado que se lles codemandase (como fixo coas 42 persoas que si ingresaron).

Por tanto, o que hai que determinar agora é se unha das 42 prazas de dita convocatoria debeu ser para a excluída. E se a resposta é si, Navantia ten que enviala a recoñecemento médico e, de superalo, contratala.

A propia acta é unha proba desta sucia manobra:

  • En contra do habitual, non diferencia entre os representantes da parte empresarial e os da parte social. Tampouco identifica o sindicato ó que pertencen estes.
  • Tanto a empresa como MAS, CCOO e CIG se negaron a que o delegado da CGT figurase na acta como participante de pleno dereito; aparece como “invitado”. Tamén rexeitaron que a acta recollese a súa opinión.

O obxectivo é evidente: excluíron á CGT da acta para enviarlle a súa indecente propostaó xuíz como un acordo entre empresa e comité, a fin de aumentar as posibilidades de que o xuíz a tome en consideración.

O argumento para excluírnos da actaé que a CGTnon está na comisión de Formación. É un argumento falaz e espurio porque unha cousa é a comisión de Formación (unha comisión interna do comité) e outra a comisión de Emprego (unha comisión mixta empresa-sindicatos), como demostran as actas desta comisión de Emprego desde que se creou en 2019, actas nas que:

  • Aparecen delegados de UGT a pesar de que este sindicato non está na comisión de Formación polo menos desde as eleccións sindicais de 2015.
  • Aparece un delegado de CCOO que non era da comisión de Formación.
  • Hai incluso unha acta na que figura como representante sindical unha persoa que non só non era da comisión de Formación, senón que nin sequera era membro do comité de empresa.

A pregunta do millón é esta: A que pode deberse que uns sindicatos que en outubro do 23 e outubro do 24 lle esixiron á empresa que enviase á excluída ó recoñecemento médico desen, dous meses máis tarde, un xiro copernicano e participen agora en toda esta argallada?

Ocórrensenos tres posibles respostas:

  1. Teñen que pagarlle á empresa favores concedidos.
  2. É unha contrapartida a cambio de que a empresa lles siga “botando unha manciña” en futuros procesos de ingreso (por exemplo, aceptando unha reclamación presentada fóra de prazo; isto non é unha suposición, a CGT xa logrou demostralo nun caso).
  3. Unha combinación das dúas anteriores.

A CGT esixe á dirección de Navantia e ós seus sindicatos amigos que se deixen de manobras sucias e cumpran a sentenza.

Sección Sindical Unitaria – CGT Navantia