post

Manifestación en Compostela en defensa da CRTVG

O próximo domingo, día 06, ás 12 do mediodía, na praza Roxa de Compostela, terá lugar unha manifestación en defensa dunha CRTVG ao servizo do pobo, unha CRTVG secuestrada polo poder político que a mantén únicamente ao seu servizo particular. Por isto, e en coordinación con outras organizacións, a CGT da Coruña fai un chamamento á participación para a consecución dos seguintes obxectivos:

  • Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
  • Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento.
  • Que defenda e promocione a cultura galega.
  • Que garanta o acceso nos contidos da CRTVG de todos os colectivos sociais que conforman a realidade galega.

A CGT da Coruña convoca a toda a afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral para que acudan a esta manifestación.

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

Apoio á III Marcha pola devolución da casa Cornide

A CGT da Coruña apoia a manifestación que o próximo sábado, 5 de novembro, percorrerá A Coruña, ás doce do mediodía, desde a praza de María Pita ata a mesma casa Cornide, na Cidade Vella.

Manifestamos así o noso apoio á reclamación da devolución, por parte da familia Franco, do inmoble, expoliado polo dictador a través de trampas legalizadas.

A CGT da Coruña convoca á súa afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral a que saian á rúa ese día e que non sigan consintindo este latrocinio.

Comité Local da Coruña da CGT