Unir, non dividir
O luns haberá asemblea xeral para decidir os criterios de aplicación do artigo 41 do convenio (conceptos sociais). Haberá quen só vexa cartos. Pero é moito máis. A cuestión a decidir é esta: ¿TEN DEREITO Ó ARTIGO 41 TODO O PERSOAL EN ACTIVO ADSCRITO Ó CONVENIO OU NON? No comité hai dúas posturas: 1) Todos teñen dereito ós conceptos sociais (CGT e CCOO). 2) Non todos teñen dereito (MAS, CIG e UGT).
Non é a primeira vez que se trata o tema. Debateuse polas becas a finais de 2019 e polo comedor-economato en 2020. En ámbalas ocasións, MAS, CIG e UGT defenderon que, mentres non rematase a Comisión central de Política Salarial, a aplicación dos conceptos sociais non podía sufrir modificacións e que, polo tanto, só correspondían ó persoal do III Convenio, excluíndo así a tódolos novos ingresos. "Esqueceron" convenientemente que en abril do 2019, catro meses despois da sinatura do convenio, eses criterios supostamente inmodificables foron modificados por unanimidade do anterior comité, para que os prexubilados cobrasen o comedor, que nunca o cobraran. E volve demostrarse hoxe, cando, cambiando a postura que mantiñan ata hai uns días, agora defenden que os novos ingresos GP-3 e GP-4 si teñen dereito, pero os GP-1 e GP-2 non.
MAS, CIG e UGT aínda non deron unha explicación seria de por que o artigo 41 non se aplica a tódolos traballadores. Porque dicir que ese era "o espírito do convenio" non é serio.
- ¿Son as compensacións de comedor e economato masa salarial? Non. No seu momento, o seu importe se estableceu nun 2% da masa salarial do persoal do convenio (daquela, só operarios e empregados). Pero a partir de aí pasou a ser un concepto máis das táboas salariais totalmente desvencellado da evolución da masa salarial. Por iso as 2.000 prexubilacións de 1999 e 2005 non diminuíron a súa contía.
- ¿Son as compensacións de comedor-economato propiedade dun grupo específico de traballadores? Non. Son un dereito do convenio para tódolos traballadores adscritos a el. Por iso tamén o cobraron aqueles que ingresaron na empresa despois da desaparición de comedor e economato. Plantexar que só é dalgúns é darlle á empresa a escusa perfecta para converter o comedor-economato nun dereito individual. O cal, ademais de inxusto, implicaría que, cada vez que alguén perda o dereito a esa compensación, eses cartos non se redistribuirían entre todos (como ocorre agora precisamente por ser un dereito colectivo), senón que Navantia quedaría con eles. Estas son as intencións da empresa, como demostra que no libro do convenio (páx. 75) xa non aparece a contía do comedor-economato.
Cal é o problema agora? Que como o ámbito de aplicación do convenio se ampliou ós TS e hai novos ingresos, algúns sindicatos temen que o importe per cápita baixe. Para evitalo, primeiro argumentaron que os cartos pertencen só ó persoal do anterior convenio. Por iso o ano pasado se opuxeron a que o cobrasen os operarios e empregados contratados trala sinatura do convenio (Sestao e eventuais). Se agora cambiaron de postura é porque sentiron a presión dos operarios júnior, que fixeron unha "visita" ó comité. Máis oportunismo, imposible.
MAS, CIG e UGT xustifican a súa proposta corporativista como unha forma de presionar á empresa para que poña máis cartos. Escusas. A famosa Comisión tiña 9 meses para rematar trala sinatura do convenio en decembro de 2018. Dous anos e medio despois, "ni está ni se la espera".
¿Fixeron, ou propuxeron facer algo, durante todo este tempo para presionar á empresa? Non. E como non están dispostos a enfrontarse coa empresa, se lles ocorre "presionala" negándolle os seus dereitos a unha parte dos traballadores, transformando o enfrontamento entre traballadores e empresa nun enfrontamento entre traballadores, que é xustamente o que lle interesa á empresa. A dirección debe de estar morta de risa vendo como lle axudan a crear divisións na plantilla.
O convenio non é propiedade de determinados traballadores. Este é un enfoque individualista. O convenio é de tódolos traballadores incluídos nel. UN SINDICATO DE CLASE NON PODE NEGARLLE A UN TRABALLADOR OS DEREITOS QUE O CONVENIO LLE DÁ.
O MÁIS GRAVE DO ACTUAL CONVENIO É A DOBRE ESCALA DE DEREITOS (máis dereitos para os antigos e menos para os novos ingresos). Hai que combatela a morte. Pero a proposta de MAS, CIG e UGT vai exactamente en sentido contrario. Este debate é unha primeira mostra das consecuencias negativas que trae a existencia de diferentes condicións laborais dentro dunha plantilla. Pero en vez de loitar contra a dobre escala, MAS, CIG e UGT alentan afondala, o que crearía unha división no cadro de persoal que a medio-longo prazo provocará que todos teñamos menos dereitos, xusto o que quere a empresa.
O papel do movemento sindical non é dividir os traballadores, senón o contrario: POà‘ER DE MANIFESTO OS INTERESES COMÚNS QUE NOS UNEN A TOD@S. Isto empeza por non negarlle a ninguén os dereitos que ten, e continúa por sumar forzas para dar unha batalla conxunta para conquistar novos dereitos, incluídos algúns que agora só teñen algúns TS.
A maioría dos TS que están en convenio (novos ingresos do plan, xente procedente do convenio ou ingresos da rúa nos últimos tempos) non teñen nada que ver con aqueles TS de hai tres ou catro décadas, que formaban unha elite privilexiada que se elevaba moi por encima dos traballadores do convenio. Hoxe, Navantia non só non lles dá privilexios, senón que os trata a patadas. Por exemplo, teñen que prolongar xornada sen cobrar nin un euro máis. NAVANTIA NOS QUERE DIVIDIDOS PARA SACARNOS DEREITOS A TOD@S. NON COLABOREMOS CON ELA. A UNIÓN DOS TRABALLADORES É O FACTOR MÁIS IMPORTANTE.
Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol