post

[Navantia Ferrol] Por unha asemblea xeral!

O mércores pasado, o comité de empresa publicou un comunicado informando da celebración mañá dunha xornada de loita pola situación da carga de traballo. Xa ha iun par de meses que a CGT se pronunciou a favor de que os traballadores iniciásemos a mobilización en demanda de carga de traballo e, por tanto, CHAMAMOS A TÓDOLOS TRABALLADORES A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DE MAà‘Á. Ademais, como o xoves pola mañá tamén van mobilizarse os compañeiros de Poligal, consideramos que debemos confluír e unir as forzas de todos.

Pero en todo isto hai outro aspecto a analizar. A mobilización non é simbólica: saída  á rúa, encerro e manifestación vespertina. A pesar disto, o comité de empresa non convocou unha asemblea xeral. É A PRIMEIRA VEZ QUE O COMITÉ DE EMPRESA CONVOCA UNHA XORNADA DE MOBILIZACIÓN SEN LEVAR A PROPOSTA Á ASEMBLEA XERAL PARA SOMETELA Á CONSIDERACIÓN DOS TRABALLADORES. Grave? Si. Pero non sorprendente.

Esta actuación do comité representa un novo salto adiante no seu proceso de progresivo afastamento dos traballadores. O comité non está a actuar como representante do conxunto dos traballadores, senón como axente das respectivas federacións slndicais. A representatividade outorgada polo conxunto dos traballadores ó comité de empresa está sendo utilizada para defender os intereses dos aparatos sindicais. Quen está a negociar os novos ingresos? O comité de empresa. Que información transmite? Absolutamente ningunha, a pesar de que é a súa obriga. A información só se dá en reunións de afiliados. Igual que no terreo político algúns confunden os concellos cos partidos. no terreo sindical algúns confunden os comités cos sindicatos.

Os representantes dos traballadores están a utilizar a súa representatividade para excluír o conxunto dos traballadores da toma de decisións. Por que lles molestamos os traballadores? Porque podemos cortocircuitar os seus pasteleos coa empresa, como se demostrou no IV Convenio. Por iso no recente convenio único ocultaron a información e impediron que a asemblea votase propostas que non saian do comité. Non convocar agora asemblea xeral é a continuación lóxica desta deriva verticalista. A CGT ESIXE QUE O COMITÉ DE EMPRESA  CONVOQUE  UNHA ASEMBLEA XERAL DE TÓDOLOS TRABALLADORES DO  RECINTO PARA DEBATER A SITUACIÓN DA CARGA DE TRABALLO E OS PASOS A DAR POLOS TRABALLADORES  PARA  REIVINDICALA.

O comité equivócase tamén dende o punto de vista da propia mobilización porque a súa actuación antidemocrática podería levar a que algúns traballadores expresen o seu malestar non participando nas mobilizacións. Dende a CGT pensamos que isto seria un erro e chamamos ós compañeiros a diferenciar unha cousa da outra. A mobilización é necesaria, por nefasta que sexa a actuación do comité. A maneira de combater as actuacións antidemocráticas do comité é fortalecendo o sindicalismo combativo, democrático e asembleario que representa a CGT.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Primeiro de Maio na Coruña

A CGT, conxuntamente coa CUT, convoca, en conmemoración do asasinato dos Mártires de Chicago, unha manifestación que sairá da Praza de Pontevedra ás 12:30 horas e finalizará no Campo da Leña. O lema da manifestación será «CONTRA A EXPLOTACIÓN E O SAQUEO, SOLIDARIEDADE E LOITA» e, no remate, lerase un manifesto alusivo. O acto rematrá con micrófono libre.

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

Xornadas Libertarias 2019 e 1º de Maio

Organizadas pola CGT-Pontevedra, terán lugar nesta cidade durante o mes de abril as I Xornadas Libertarias 2019, baixo o lema "A rúa en pe … A loita contra a política económica e social do goberno continúa". Todos os actos terán lugar na Sala VerSus (r/ Gerardo Álvarez Limeses, 12) ás 20:00h (agás o 19 abril, que escomenzará ás 19,30h), co seguinte programa:

Sábado 27 abril, 19,30h: Inauguración da exposición "100 anos da folga da Canadiense" e Charla-coloquio: "A loita pola xornada de 8 horas en Galicia". Ponente: Eliseo Fernández (historiador)

Luns 29 abril, 20,00h: Proxección de "I compagni" (os compañeiros), de Mario Monicelli. Presentación e coloquio posterior

Martes 30 abril, 20:00h: A loita anarquista pola xornada de 8 horas. De Chicago, 1886 a Barcelona, 1919. Comentarios actuáis ás crónicas "A traxedia de Chicago" de Ricardo Mella (1889) e "Páginas de la huelga de la canadiense" de E.G. Solano (1919). Ponente: Miguel Ángel Cuña

As I Xornadas Libertarias-2019 culminan na MANIFESTACIÓN do 1º DE MAIO, convocada pola CGT – Saída da r/ Loureiro Crespo, 1 (frente ó Hospital), ás 12:00h

 

post

Novo paro de 24 horas en Atento-A Coruña

O próximo luns 22 de abril as traballadoras e traballadores de Atento no centro de Coruña estamos chamados a unha folga de 24 horas por parte do Comité de Empresa, a CGT e a CIG. Con esta nova xornada de loita queremos lembrarlle a Atento que os acordos están para cumprilos, e que a prepotencia e o látego non son as ferramentas que precisamos para desenvolver o noso traballo con dignidade e eficacia. As principais reivindicacións da convocatoria son o cese dos despedimentos e das presións, que se impartan as formacións que precisamos para poder desenvolver o noso traballo e que se nos habilite o tempo necesario para terminar as xestións das chamadas e para poder respirar entre unha e outra.

Temos que aturar que un sistema de incentivos -nunca negociado e moi mellorable- se transforme unilateralmente en obxectivos de obrigado cumprimento (inalcanzables, modificados a antollo e empregados como arma de destrución de emprego). E temos que loitar por ver recoñecidos dereitos de conciliación familiar en situacións que non son discutibles nin interpretables.

A empresa insiste en asoballarnos de xeito contumaz, obstinada en facernos perder terreo aos poucos en asuntos que, en aparencia "menores", moito nos custou ter recoñecidos: un mínimo de flexibilidade no control horario, unha organización xusta e racional das vacacións, libranzas e descansos, unha metodoloxía de traballo acorde co que supón estar moitas horas atendendo chamadas… Cada vez estamos máis afogadas con novas funcións, saíndo do paso pola nosa conta porque a formación non abonda nin se poñen recursos para mellorala; e esas novas tarefas asignadas non teñen un recoñecemento salarial (de categoría profesional, polo tanto).

Esta mes de abril lembramos tamén dúas efemérides: 142 despidos en 2013 e 17 despidos en 2015. En ambos conflitos, grazas á loita obreira e a mobilización conseguiuse a anulación de todos eles. O vindeiro luns 22 de abril será unha data máis na que lembrarlle a Atento que os acordos están para cumprilos, e que a prepotencia e o látego non son as ferramentas que precisamos para desenvolver o noso traballo con dignidade e eficacia.

Sección Sindical de CGT en Atento-A Coruña

La imagen puede contener: texto

 

post

[Ferrol] Navantia: proposta da CGT para os novos ingresos

  1. Perfís profesionais: Navantia necesita profesionais de oficio porque as diferentes reducións de plantilla provocaron un desequilibrio moi importante e porque os ingresos dos últimos anos foron case todos de técnicos superiores. Por tanto, para evitar que esta nova prexubilación se traduza nunha subcontratación aínda maior do proceso produtivo e no abandono de máis talleres por parte de Navantia, é necesario que a maioría dos novos ingresos sexan operarios. Así mesmo, tamén hai que contemplar a necesidade de diminuír de forma importante a subcontratación na Sala Técnica.
  2. Reparto xeográfico das prazas: Proporcional ó número de prexubilados nas diferentes zonas. E se a empresa necesita máis persoal nalgunha, ten unha magnífica ocasión para poñer en marcha a contratación directa de traballadores eventuais por parte de Navantia, desbotando a subcontratación ou a contratación mediante ETT.
  3. Idade e experiencia: Non debe haber límites máximos nin por idade nin por anos de experiencia. A discriminación por razóns de idade é anticonstitucional, o cal é inaceptable nunha empresa pública. E un máximo de experencia de 3 anos non ten xeito.
  4. Tipo de contrato: O 75% das baixas polas prexubilacións deben ser cubertas con contratos fixos dende o primeiro día, como os sindicatos defensores deste plan afirmaron repetidamente.
  5. Participación sindical: A tódolos niveis. A contratación dunha empresa para encargarse do proceso de selección non é ningunha garantía de independencia porque esa empresa cobrará de Navantia e, por tanto, responderá ós intereses de quen lle paga.
  6. Proceso de selección: A experiencia demostrou que a selección baseada meramente nun primeiro exame teórico e un segundo exame práctico é un erro.

Tamén é sabido que a entrevista persoal é o truco habitual das empresas para meter enchufados ou para vetar persoas.

Os traballadores da industria auxiliar contribúen de forma decisiva ó proceso produtivo. De feito, hai compañeiros subcontratados que levan 10 ou 15 anos traballando de forma continuada dentro das murallas, é dicir, que realizan tarefas estruturais (e que en realidade deberían ser traballadores da principal porque a subcontratación desas tarefas non está xustificada). Por tanto, á hora de establecer os criterios para os novos ingresos debe terse en conta toda esta realidade, e tamén que unha parte dos traballadores da IA están agora mesmo no paro.

Así mesmo, hai que considerar ós mozos e mozas que están a facer ou fixeron prácticas de FP ou universitarias.

Combinando todos estes aspectos, a proposta da CGT para o proceso de selección é a seguinte:

  • Tódalas probas e criterios teñen que ser obxectivos. Rexeitamos totalmente a entrevista persoal, por subxectiva.
  • Esixencia da titulación correspondente á profesión (FP ou universitaria) ou dun tempo mínimo demostrable de exercicio da profesión.
  • Establecemento dun baremo que puntúe os seguintes aspectos:
    • Titulación.
    • Tempo de experiencia na profesión.
    • Tempo de traballo ou de prácticas dentro de Navantia.
    • Exame práctico.
    • Exame teórico.

O escurantismo neste tema é especialmente inaceptable. O comité de empresa debe informar puntualmente ó conxunto dos traballadores sobre a marcha das negociacións na comisión de emprego.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia

 

post

[A Coruña] Novo número de «O Buzón Rebelde», especial eleccións

Neste número 26 encontraredes, entre outra información, copia do escrito envíado pola CGT á dirección da Correos na Coruña sobre o reparto electoral, preguntas frecuentes da campaña e breves sobre a folga das 21 USES de Madrid e o tema dos sábados.

Podedes atopar o boletín picando aquí.

Sección Sindical CGT Correos A Coruña

 

post

Concentración en defensa das pensións na Coruña

O sábado, 13 de abril, ás 12:30 horas, no Obelisco da Coruña, está convocada unha nova mobilización en defensa do sistema público de pensións. A concentración está convocada por Modepen (Movemento en Defensa das Pensións) da Coruña.

A CGT da Coruña considérase convocada e quere amosar o seu apoio a esta concentración, facendo un chamamento ao pobo traballador para que se sume e amose o seu rexeitamento ás intencións da Unión Europea de continuar afondando no saqueo e na privatización dos plans de pensións. Para a CGT, somente coa mobilización continua, con acción directa sen intermediarios, poderemos facer fronte a esta nova agresión capitalista.

Para a CGT, o enfrontamento cos agresores pasa por obviar o espellismo electoralista e continuar na mobilización e na loita, independentemente dos calendarios políticos que todo o remexen e todo o enturban.

Goberne quen goberne, as pensións deféndense!

Contra a explotación e o saqueo, solidariedade e loita!

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

[Ferrol] O anuncio das F-110 é un timo electoralista.

O venres 29 de marzo, o goberno autorizou a sinatura da orde de execución das fragatas F-110. Nunha roda de prensa ese mesmo día, o delegado do goberno en Galiza dixo dúas cousas moi significativas:

  1. Que o primeiro buque da serie se entregaría en 2026.
  2. Que o número de compañías auxiliares aumentaría de 200 a 280.

Se a previsión é entregar a primeira fragata en 2026, isto significa que o inicio do corte de chapa —é dicir, o inicio da construcción do buque— será en 2022, o que significa que aínda vai haber que esperar tres anos para que comece a construción das F-110.

Este tempo de espera contrasta fortemente cos fitos doutros programas ou buques:

  Data sinatura orde execución Data inicio corte chapa Tempo transcorrido
Fragatas F-100 Xaneiro 1997 Xullo 1997 6 meses
Fragatas norueguesas Xuño 2000 Decembro 2001 18 meses
LHD Juan Carlos I Marzo 2004 Maio 2005 14 meses
LHD australianos Novembro 2007 Setembro 2008 10 meses

Indubidablemente, que o goberno autorice a construción das F-110 é unha boa noticia. Pero que haxa que esperar tres anos para que esa construción empece é un timo electoralista porque iso significará que, tralo remate dos AOR australianos, haberá un longo período sen ocupación, coas negativas consecuencias que iso ten para os traballadores da industria auxiliar.

A CGT xa denunciou esta situación en febreiro. Pero, ademais de denunciala, planteamos a necesidade de que os traballadores nos mobilizásemos para reivindicar carga de traballo. Lamentablemente, ESTASE A PERDER UN TEMPO PRECIOSO.

O taller do Elaborado está a piques de rematar os traballos dos AAOR. O MOMENTO DA MOBILIZACIÓN NON É CANDO XA HAXA COMPAà‘EIROS DA INDUSTRIA AUXILIAR DESPEDIDOS. O MOMENTO É AGORA, APROVEITANDO QUE A XENTE AÍNDA ESTÁ DENTRO, AS DÚAS CAMPAà‘AS ELECTORAIS DESTA PRIMAVERA E A SITUACIÓN POLÍTICA. O comité de empresa debe convocar unha asemblea xeral do recinto para debater e decidir entre todos os pasos a dar. Aínda que, visto que non informa sobre as negociacións dos novos ingresos e que en todos estes meses nin sequera foi capaz de convocar unha asemblea de prexubilables —que marchan sen que os seus representantes nominais lles expliquen as condicións (¡algo do que se encargará unha empresa subcontratada por Navantia!)—, quizais sexa pedirlle demasiado a un comité que ten demostrado sobradamente que quere excluír ós traballadores e negociar ás súas costas.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia

 

post

A CGT da Coruña apoia a manifestación das Marchas da Dignidade contra a estafa eléctrica

A CGT da Coruña acordou facer un chamamento para a participación na mobilización que o venres, día 5, ás 18:00 horas, no Obelisco da Coruña contra a estafa eléctrica, convocada polas Marchas da Dignidade, das que forma parte. Reproducimos a convocatoria:

A luz vai subir en abril. En Galicia, a suba será de ata 16€ por recibo. Din que é para compensar ás eléctricas polo pago de impostos "autonómicos", pero non din nada de compensarnos polo espolio de recursos naturais ou pola xente que pasa frío no inverno por non poder pagar a luz. Tampouco polos inmensos beneficios das eléctricas.

A suba da electricidade non é máis ca unha nova volta de torca das políticas que levan anos facendo contra a xente. Só buscan o beneficio das grandes empresas aínda que sexa a costa das persoas ou da natureza. Precarizan o traballo, os servizos públicos, as pensións e todo para favorecer intereses particulares. O custe da vida é cada vez máis elevado, e moitas persoas xa nin traballando poden asumilo.

Por iso o venres 5 de abril imos manifestarnos contra estas políticas que simbolizan esta suba da luz. É un abuso, é un insulto, e temos que facer todo o posible para poñer ás eléctricas no seu sitio: ao servizo da sociedade. Ven con nós a amosar o teu rexeitamento a este tipo de políticas antidemocráticas e antisociais, non cales fronte aos abusos. Vémonos o día 5 no Obelisco. Pan, traballo e teito.

Comité Local da CGT da Coruña