Polo público, polo común

Desde a orixe do capitalismo, o público véuselle usurpando á clase traballadora que o crea e, pola contra, entregándoo aos grandes grupos empresariais e financeiros. Esta usurpación e saqueo puidérona facer grazas á colaboración servil dos diferentes gobernos co poder económico, fose cal fose o seu signo político, en defensa dos intereses dos grandes capitalistas. Desde 2007, coa crise-estafa, os gobernos, xunto as institucións da Unión Europea e do sistema capitalista, FMI, BM, BCE, espoliaron as rendas salariais, empobrecendo a maioría social para beneficio privado duns poucos desalmados, e as conquistas sociais e servizos que ofrecían un mínimo de protección á clase obreira. Sabemos tamén, por reiteradas experiencias, que non é votando como se garanten os dereitos e as liberdades, como se recupera todo aquilo do que nos desposuíron e que era noso, nin se impiden novos atracos sociais. É coa protesta na rúa, coa presión popular, coa loita decidida de todos, goberne quen goberne, como conseguiremos establecer un modelo de sociedade onde podamos vivir con Dignidade.
Non estamos a loitar pola estatalización da vida, estamos a loitar por defender o Común, o que é de todos, e por iso defendemos tamén a necesidade e o dereito á autoorganización, xestión directa e participación na toma de decisións, tanto por parte das persoas usuarias e dos traballadores dos devanditos servizos, como da clase traballadora no seu conxunto. Trátase de exercer a Democracia Directa, a participación real en todo aquilo que nos afecta vitalmente.
Por estas razóns, a CGT de Galicia chama a toda a súa afiliación e a todas as persoas que compartan estes criterios, ao Sindicalismo de clase alternativo, ás Mareas cidadás, aos estudantes, aos colectivos e movementos sociais e á clase traballadora en xeral, a continuar loitando en defensa do que é de todos, detendo este proceso de roubo xeneralizado.
CGT de Galicia

 

post

Pontevedra, 21 xaneiro: Defensa da Sanidade Pública

A CGT de Pontevedra chama ós seus afiliados, simpatizantes e ó conxunto da sociedade pontevedresa a participar activamente este sábado, 21 de xaneiro nunha nova edición da Marea Branca en defensa dunha sanidade pública, universal, gratuita no momento da prestación e de calidade, convocada pola Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública. A mobilización terá lugar en Pontevedra, Praza da Peregrina, ás 12,30h.

Recortes, situación precaria dos traballadores e traballadoras interinas, peche de camas, incrementos nas listas de espera, colapsos nas urxencias, aposta do goberno por un modelo sanitario privado que beneficia ás multinacionais … sobran os motivos para a mobilización da cidadanía na defensa dunha sanidade pública, universal, gratuita no momento da prestación e de calidade.

Comité Local da CGT de Pontevedra

 

 

post

23 Xaneiro: Asemblea da CGT de Pontevedra

A CGT de Pontevedra convoca Asemblea Xeral para o día 23 de xaneiro, luns, a partir das 19,00h. Os temas a debater son os que figuran na Orde do Día do Pleno de Sindicatos de Galicia, que terá lugar entre os días 28 e 29 de xaneiro na localidade da Coruña, e que son, entre outros, a posición da CGT na situación actual e a organización dos sectores. Asimesmo, tratarase do nomeamento de Secretario Xeral da CGT da Galicia e a designación da sede do Secretariado Permanente. Tamén na Asemblea elixiranse os compañeiros que asistirán ao Pleno en representación da CGT de Pontevedra.

Faise un chamamento á afiliación para que asista á Asemblea e contribúa para que os acordos sexan o mellores posibles.

 

Comité Local da CGT de Pontevedra

 

post

Asemblea da CGT da Coruña

cgt_logo_banderaA CGT da Coruña convoca Asemblea Xeral para o día 23 de xaneiro, luns. Os temas a debater son os que figuran na Orde do Día do Pleno de Sindicatos de Galicia, que terá lugar entre os días 28 e 29 de xaneiro na propia localidade da Coruña, e que son, entre outros, a posición da CGT na situación actual e a organización dos sectores. Asimesmo, tratarase do nomeamento de Secretario Xeral da CGT da Galicia e a designación da sede do Secretariado Permanente. Tamén na Asemblea elixiranse os compañeiros que asistirán ao Pleno en representación da CGT da Coruña.

Faise un chamamento á afiliación para que asista á Asemblea e contribúa para que os acordos sexan o mellores posibles.

Comité Local da CGT da Coruña