Mañá xoves 14 de Febreiro, convocase unha concentración a prol dos dereitos laborais dxs traballadores dos Servizos Sociais do Concello de Vigo, recentemente mercantilizados pola empresa CLECE, S.A.
A concentración de protesta terá lugar na Avda. da Hispanidade Nº 68, entre as 11:00 até as 13:00, diante da sede da empresa.
O Programa Municipal de Intervención Familiar, que se ven desenvolvendo con éxito dende hai máis de dezaseis anos, está formado por un equipo multidisciplinar de catorce profesionais: educadores sociais, traballadores sociais, psicólogos e unha administrativa, que realizan labores de integración social e prestan apoio a máis de 380 familias multiproblemáticas, que fan un total de 1432 cidadáns de Vigo, dos que 657 son menores.
Recentemente pasou a ser xestionado pola empresa de multiservizos, sen experiencia no sector, CLECE S.A., en detrimento da atención e da calidade que se viña prestando.
Coa concesión deste Programa a CLECE S.A., as familias en situación de risco coas que se traballaba vense claramente prexudicadas, xa que as actuacións da empresa atentan contra a dignidade dos profesionais do Programa, aos que impide que fagan o seu traballo nas mesmas condicións laborais que até o de agora: non lles remuneran os desprazamentos para atender ás familias, impiden a súa conciliación laboral e familiar, néganlles o salario que estaban a percibir,… e todo isto, sen poder xustificalo coa crise actual, posto que a partida orzamentaria que o Concello destina a este programa non se viu diminuída.
Xórdennos moitas preguntas:
Quen se está embolsando os cartos deste programa, destinado ás familias e aos traballadores?
Por que se permite que gañen os concursos públicos á baixa, este tipo de empresas, en detrimento da calidade dos servizos que prestarán, e das condicións laborais dos traballadores?
E sendo o Concello de Vigo o máximo responsable, quen non dubida en poñer este importante Programa en mans de calquera empresa, sen importarlle os medios cos que contan e o servizo que prestarán,… cando vai pór fin a estes agravios?
Facemos un chamamento a toda a cidadanía para que apoie as mobilizacións en defensa do mantemento deste servizo fundamental para moitas familias e para toda a sociedade.
Acude e manifesta a túa repulsa contra a política de recortes á conta da saúde e da calidade de vida da cidadanía, contra a mercantilización dos Servizos Sociais e para beneficio das grandes empresas.
NON AOS RECORTES E AO DETERIORO DO PROGRAMA DE INTERVENCIÓN FAMILIAR!!
NON Á MERCANTILIZACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS DE VIGO!!
CLECE FAI NEGOCIO E O CONCELLO CONSINTE!!