CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/1%c2%ba-de-maio-manifestacion-unitaria-en-vigo/
Export date: Wed Dec 25 9:06:14 2024 / +0000 GMT

1º de Maio Manifestación Unitaria en Vigo




Contra a Criminalización da Clase Obreira, Contra o Pacto Social

Ás 11:00 dende a Praza de Fernando o católico ata a Porta do Sol, manifestación conxunta coa CUT.




O 1º de Maio é unha data especialmente simbólica para a clase traballadora de todo o mundo. Con ela lembramos e recuperamos a heroica loita dos traballadores asasinados pola patronal en Chicago en demanda da xornada de oito horas, aló polo ano 1886.

Hoxe temos que seguir coa mesma contundencia, porque o ataque que estamos a sufrir por parte do capital recorda o salvaxismo patronal do século XIX.

A clase traballadora, as clases populares, os colectivos sociais máis desfavorecidos, mulleres, emigrantes, xuventude, persoas maiores, estudantes, o pobo, sufrimos en primeira liña a explotación laboral e social, o despoxo dos dereitos máis básicos, a exclusión, a precariedade, a temporalidade, a marxinación, o paro... nun sistema capitalista sostido e xestionado pólos gobernos e políticos profesionais, a patronal, as grandes multinacionais e o sindicalismo institucional que nos vende miserablemente por meras migallas. Están degradando e recortando todo tipo de dereitos laborais, sociais, sindicais e humanos. Hoxe temos que traballar máis para cobrar menos, temos que traballar máis anos para ter dereito a unha pensión máis pequena, obrígannos a asinar contratos en branco podendo botarnos á rúa libremente e sen indemnización, erradicaron o referente dos convenios colectivos que poñían freo ás falcatruadas e abusos das empresas. Non podemos seguir aturando que a política económica e antisocial a pacte Zapatero e o seu goberno cos grandes empresarios deste país, como se fosen os donos das nosas vidas.

Desde a CGT, os homes e mulleres dicimos non a esta sociedade violenta, machista e agresiva. Non a esta sociedade separadora, racista e xenófoba. Non a este sistema consumista e desarrollista que antepón os intereses privados, as plusvalías, a competitividade, a produtividade, aos dereitos humanos e á propia vida, que acepta a sinistralidade laboral como algo natural, que utiliza ás persoas como simples mercancías.

Dicimos non a un sistema que censura a liberdade de expresión, a liberdade de comunicación, a liberdade de asociación, que privatiza os servizos públicos, que negocia coas ditaduras, unha sociedade á que se impón o esquecemento da súa memoria histórica, que non anula as sentencias represivas franquistas, que fundamenta o seu funcionamento no medo e na represión para os que se opoñen e loitan pola dignidade, pola xustiza social e pola liberdade.

Desde a CGT dicimos non á enerxía nuclear porque non hai ningunha razón para aceptar o máis mínimo risco que poña en perigo a vida do ser humano e o planeta. Dicimos non á guerra como método de resolución dos conflitos, non ao intervencionismo militar.

Para a CGT é a hora de tomar a palabra e a hora de pasar á acción para construír unha sociedade xusta e libre. É a hora da mobilización social e laboral para que sexamos os traballadores e as traballadoras os protagonistas do noso futuro.
Post date: 2011-04-20 08:12:13
Post date GMT: 2011-04-20 07:12:13

Post modified date: 2011-04-27 20:30:04
Post modified date GMT: 2011-04-27 19:30:04

Export date: Wed Dec 25 9:06:14 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com